Este sábado, día 20 de xuño de 2026, o Museo Valle-Inclán recibía a visita grupal de 56 persoas procedentes do Concello de TEO. Acompañadas pola alcaldesa da localidade, Lucía Calvo de La Uz e polo concelleiro de cultura, Juan Jesús Cerqueiro Pintos, foron recibidos ás 11:00 h, polo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal Suárez e o do director da institución, Antonio González Millán. Logo dun breve encontro protocolario entre os mandatarios e da fotografía que testemuña este encontro, a numerosa expedición cidadá participaría dunha visita guiada á Torre de Bermúdez e á colección de fondos orixinais que acolle.
En especial, foi visita interesada en descubrir os valores arquitectónicos, estéticos e simbólicos que concorren nun inmoble tan excepcional como a Torre de Bermúdez no cincuentenario da súa declaración como MONUMENTO NACIONAL DE CARÁCTER HISTÓRICO-ARTÍSTICO, así como a súa estreita relación familiar, humana e literaria coa célebre figura de Ramón del Valle-Inclán. Entre o público espertaría gran expectación poder observar materiais orixinais do seu tempo, os máis deles únicos, como o mobiliario familiar e os obxectos persoais, as cartas manuscritas do seu puño e letra e o fondo de obras impresas e das belas artes. Un ronsel visual das marabillas que director e técnica do museo lles puxeron en relación co xenio e coa presenza na literatura mundial dun autor, galego universal, que non precisa de pseudónimos: Valle-Inclán.
Concluída a súa visita ao Museo Valle-Inclán o grupo realizaría un paseo polo centro vilego da Pobra do Caramiñal e, de seguido, achegaríase aos cumios da serra do Barbanza, miradoiros de Valle-Inclán e da Curotiña, para admirar as vistas panorámicas que ofrecen sobre as rías baixas e, dende un plano privilexiado, a contorna xeografía e as paisaxes arousás de terra e mar.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.