• O sistema de comodato (cesión de fincas particulares) permite alcanzar xa as 56 parcelas dispoñibles para o estacionamento libre de vehículos e sen límite de tempo
• Nestes momentos están en marcha obras de acondicionamento de espazos estratéxicos de gran capacidade, como o da avenida do Ambulatorio, que terá 114 prazas
Para quen precise estacionar durante longos períodos sen preocuparse polo reloxo, o Concello de Carballo segue a reforzar a súa rede de aparcadoiros libres, gratuítos e sen límite de tempo. Un modelo de éxito baseado no sistema de cesión de fincas particulares (comodato) que converteu o municipio nun referente de mobilidade e facilidade de acceso ao comercio e os servizos locais.
Grazas ás novas actuacións que están a entrar en servizo este mes, a cifra global de prazas no casco urbano dá un novo chimpo cara adiante e sitúase cada vez máis preto do obxectivo das 3.000 prazas dispoñibles para a veciñanza e visitantes.
As cifras falan por si soas do esforzo realizado para mellorar a accesibilidade do casco urbano: hai dez anos, Carballo contaba con 1.897 prazas para vehículos distribuídas en 22 solares; coas actuacións en marcha sumaremos 2.786 en 56 parcelas, case mil máis.
A última zona en entrar en servizo está situada entre as rúas Gran Vía e Portugal, para a que se habilitou un acceso peonil cunha gran escaleira de madeira que permite salvar o desnivel. O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, achegáronse ata este punto, dentro dun percorrido polas actuación en marcha. Entre elas destaca a próxima entrada en servizo dunha nova parcela de gran capacidade na avenida do Ambulatorio, con 114 prazas; a conexión de dúas parcelas existentes na rúa Gravador Facal, ou a estrea dun novo espazo de estacionamento nesa mesma rúa que xa está sendo utilizado aínda que o acondicionamento está pendente.
O estacionamento máis grande da zona urbana, con 210 prazas, está en solo municipal, xunto ao Centro Comercial Bergantiños, pero o modelo de comodato permite que a bolsa continúe a medrar xa non só no centro, senón tamén nos barrios, grazas á colaboración veciñal.
Con este modelo de xestión, Carballo non só resolve a necesidade de estacionamento a longo prazo, senón que fomenta unha vila máis amable e peonil, na que deixar o coche a poucos minutos do centro de forma 100% gratuíta é unha realidade consolidada que seguirá medrando nos vindeiros meses.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.