Marta Abal denuncia que o executivo municipal leva cinco meses sen licitar unha obra xa aprobada e advirte de que os atrasos poden afectar directamente aos clubs e entidades usuarias das instalacións.
A concelleira socialista preguntará no pleno que medidas ten previsto adoptar o Goberno local para evitar que a renovación coincida co comezo da competición e que alternativas ofrecerá se se producen prexuízos para os equipos.
A concelleira socialista Marta Abal denunciará no pleno deste mes a falta de planificación do Goberno de Goretti Sanmartín na renovación do campo de fútbol Suso Conde de Villestro e advertirá de que os atrasos acumulados na licitación dunha obra xa aprobada poden provocar que as actuacións coincidan co inicio da próxima tempada e prexudiquen aos clubs e entidades que utilizan habitualmente estas instalacións.
Abal lembrou que o mal estado do céspede sintético e dos equipamentos deportivos converte esta actuación nunha intervención “necesaria, urxente e moi demandada” desde hai tempo polas entidades usuarias. Porén, advertiu de que o Goberno municipal volve chegar tarde ao non impulsar a licitación dunha obra que xa conta co proxecto aprobado desde o pasado mes de xaneiro.
“O problema é que o goberno local chega tarde”, sinalou a concelleira, quen explicou que, de terse iniciado o procedemento nos primeiros meses do ano, “a día de hoxe o contrato podería estar xa adxudicado e os traballos en execución”, tendo en conta que o prazo previsto para a actuación é de apenas dous meses.
A edil socialista advertiu de que esta falta de previsión pode acabar repercutindo directamente sobre o Villestro CF e sobre o resto de clubs e entidades que utilizan habitualmente o campo. Segundo indicou, co calendario actual resulta moi probable que as obras coincidan co inicio da liga ou mesmo que teñan que executarse coa competición xa en marcha.
“Esa falta de previsión pode ter agora consecuencias directas para os usuarios do campo”, alertou Abal, quen considera que esta situación xeraría unha “preocupación lóxica” ao complicar a organización dos adestramentos e dos partidos nun municipio que xa sofre unha evidente falta de instalacións deportivas para atender a demanda existente.
Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista levará esta cuestión ao pleno ordinario do mes de xuño para esixir explicacións ao executivo local. En concreto, preguntará cando prevé licitar e executar a actuación, como pensa evitar que interfira no desenvolvemento da tempada e que alternativas concretas ofrecerá aos clubs afectados no caso de que a coincidencia resulte inevitable.
Finalmente, Marta Abal reclamou ao Goberno municipal “planificación, transparencia e diálogo coas entidades que fan uso diario destas instalacións” e subliñou que “non abonda con ter un proxecto aprobado; hai que licitalo, executalo e prever as consecuencias que os atrasos poden ter para os clubs, os deportistas e as familias”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.