Sunday 21 de June de 2026

A semana grande do San Xoán arrinca co pregón de Verónica Bolón e a música de Son Boleros


O luns 22 de xuño comezan oficialmente as festas de San Xoán co disparo das bombas de palenque, os primeiros pasarrúas e actuacións musicais e, por suposto, co pregón, que este ano corre a cargo da enxeñeira informática, investigadora e profesora da UDC (Universidade da Coruña) Verónica Bolón Canedo. Esta carballesa centra a súa actividade investigadora no desenvolvemento de novos métodos de Intelixencia Artificial (IA) que sexan máis éticos, sostibles e respectuosos co medio ambiente, especialmente a través da aprendizaxe automática e dos chamados “algoritmos verdes”. Neste ámbito, dirixe a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.

Ademais, está profundamente comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas. É académica de número da Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Froito deste incrible labor, ten recibido galardóns de máximo prestixio como o Premio Dona TIC Revelación da Generalitat de Cataluña, o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, a Medalla a Jóvenes Investigadores da Real Academia de Ciencias, o Premio Nacional de Investigación ou o premio da Real Academia Galega de Ciencias e da Universidade Intercontinental da Empresa para investigadores novos, que recibiu esta mesma semana.

Para Bolón, a ciencia e a investigación son a ferramenta para “satisfacer unha curiosidade innata” e, sobre todo, “a única forma de conseguir avances significativos que melloran a vida das persoas”. Ademais, é unha colaboradora habitual e fundamental do Concello de Carballo en todo tipo de proxectos orientados á divulgación científica e á democratización do coñecemento, e sempre amosa un compromiso incondicional coa súa vila natal. A cita é a partir das 21.00 horas na Praza do Concello.

Pero antes, o día arrinca co disparo das bombas de palenque que anuncian o comezo das festas ás 12.00 horas, e con pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas da AC Nemeth. Pola tarde, antes do pregón, será a quenda para o concerto do cuarteto de música latina Son Boleros, tamén na Praza do Concello a partir das 20.30 horas. Os seus membros esfórzanse por manter a orixinalidade do estilo á vez que incorporan un son moderno, todo ao servizo do seu repertorio latino. Preservan a esencia sen perder de vista a elegancia musical e escénica. Son Boleros actuará antes e despois do pregón.

Deja un comentario