O alcalde de Neda, Ángel Álvariño, e as concelleiras de Cultura, Educación, e Sanidade, achegábanse esta tarde ao ensaio na Casa da Cultura da escola municipal de teatro xuvenil para felicitar e agasallar ao elenco. e ao equipo técnico da obra polos premios acadados no XXVII Certame de teatro escolar e afeccionado da Deputación da Coruña.
Coa súa versión do clásico de Antoine de Saint-Exupery, o grupo arrasou na gala celebrada hai sete días no Teatro Colón, volvendo a casa cos galardóns á mellor actriz (Sara Carneiro Primoy), á mellor dirección (Marián Rei) e á mellor obra na categoría cadete, ademais de dúas nominacións polas interpretacións de reparto.
No encontro, ademais de entregarlles un detalle, o rexedor municipal subliñou o talento do grupo e agradeceu, en nome de toda a veciñanza, o traballo incansable por dar o mellor de si e por superarse, ano tras ano. Un recoñecemento que o alcalde fixo extensivo ás actrices do grupo infantil, que obtivo no concurso provincial o terceiro premio á mellor obra infantil con “O misterioso Camiño Inglés desde Neda”, e tamén presentes esta tarde. “O Principiño” volverá representarse este sábado no IES Rosalía Mera, organizador do certame.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.