Aitor Bouza reclama ao Goberno galego que planifique xa o vindeiro curso escolar e atenda as demandas das comunidades educativas de Santiago.
O deputado socialista denuncia a falta de profesorado de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, así como de persoal orientador e coidador, e advirte de que ningún alumno ou alumna pode quedar sen a atención que precisa.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamou hoxe á Xunta de Galicia que deixe de improvisar e planifique desde este mesmo verán o próximo curso escolar para garantir que todos os centros educativos conten cos recursos humanos necesarios e poidan ofrecer unha educación pública verdadeiramente inclusiva.
Bouza advertiu de que ao longo de todo o curso as comunidades educativas compostelás veñen denunciando a falta de profesorado e de persoal de apoio para atender ao alumnado con necesidades específicas e lembrou que “levamos todo o curso facéndonos eco de todas esas reclamacións” para que a Xunta “incorpore a máis profesorado” e dea resposta ás demandas trasladadas por ANPAS e centros educativos.
Neste sentido, Bouza insistiu en que o Goberno galego debe aproveitar a planificación do próximo curso para atender estas demandas e garantir unha educación inclusiva de calidade. “Queremos esixirlle á Xunta de Galicia que planifique xa nas vindeiras semanas” e que teña en conta “as necesidades que foron reclamadas polas diferentes ANPAS e polas diferentes comunidades educativas dos centros educativos de Santiago de Compostela”.
O deputado socialista puxo o foco na falta de especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, pero tamén na necesidade de reforzar o persoal coidador para atender ao alumnado que o precisa. Ao seu xuízo, o obxectivo debe ser que “comecemos o vindeiro curso escolar con todas esas necesidades cubertas” e que “non haxa ningún alumno ou alumna que teña necesidades educativas” sen a atención correspondente.
Ademais, Bouza reclamou unha actualización dos catálogos de persoal e un reforzo dos equipos de orientación para reducir as demoras nas valoracións. Así, esixiu “esa actualización de todos eses catálogos que son tan necesarios”, pero tamén que “se actualicen os equipos de valoración” mediante a incorporación de “maior orientadores e orientadoras”.
Segundo explicou, esta medida resulta imprescindible para que o alumnado pendente de avaliación poida obter o seu diagnóstico e acceder aos recursos públicos que necesita. “Que se leven a cabo todas as valoracións que queden pendentes” e que se dote de máis profesorado de orientación son, ao seu xuízo, condicións indispensables para garantir unha atención educativa adecuada.
Por último, Bouza advertiu de que a Xunta non pode volver iniciar un curso escolar ignorando as reivindicacións das comunidades educativas compostelás e reiterou que o PSdeG seguirá esixindo os medios necesarios para asegurar unha educación pública de calidade e verdadeiramente inclusiva en Santiago.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.