Increméntanse as accións de apoio a Cuba a causa da extorsión criminal que padece a illa a debido ás duras condicións impostas polo bloqueo estadounidense. Hoxe sae un contedor marítimo que contén 16 palés de recursos sanitarios que viaxa acompañado doutros obxectos de uso diverso como pupitres, cadeiras de rodas, bicicletas e mobiliario urbano, entre outros de distinta natureza.
O material —entre o que destacan os equipos de protección para quirófanos— será embarcado no porto de Vilagarcía de Arousa con destino á base solidaria de Mayaveque, nodo loxístico de recepción e distribución desde o que se reparte a axuda que chega á illa.
Todos os mecanismos de solidariedade de Oleiros a través da Conta Solidaria e a colaboración con entidades como Solidariedade Galega están na súa máxima expresión, especialmente desde a vontade de persoas que traballan nos sectores sanitario e educativo, particularmente implicadas neste envío solidario de absoluta necesidade debido á situación que atravesa a poboación.
A Conta Solidaria permanente que mantén aberta o Concello (ES12-2080-0064-9830-4001-1138) foi obxecto recentemente dunha campaña de apoio a Cuba a partir da que numerosas persoas, maioritariamente residentes en Oleiros, achegaron aportacións económicas a nivel particular.
Tanto é así que proximamente se realizarán novos envíos, xa que a motivación das persoas implicadas na axuda a Cuba é máxima.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.