Sunday 21 de June de 2026

O Mosteiro de San Salvador acollerá unha gran Cea Medieval para conmemorar o seu 900 aniversario


● Celebrarase o xoves 23 de xullo ás 21.30 horas no propio convento.

● O prazo para apuntarse ábrese o vindeiro luns, 22 de xuño, e finalizará o 3 de xullo ou ata completar capacidade.

● Anímase aos asistentes para acudir vestidos de época e para iso alugaranse traxes.

● A xornada incluirá tamén a representación teatral ‘Reino de Galicia a escena’, a cargo de Galeatro, animación infantil, talleres e xogos populares.

Dentro da programación especial baixo o lema “900 Anos de memoria en pedra”, organizada para conmemorar o noveno centenario do Mosteiro de San Salvador, o Concello de Bergondo celebrará unha gran Cea Medieval. A cita terá lugar o vindeiro xoves 23 de xullo, a partir das 21.30 horas, nunha contorna privilexiada como é o propio Mosteiro.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 22 de xuño e permanecerá activo ata o 3 de xullo, pechándose antes en caso de completar a capacidade dispoñible. As reservas deben formalizarse de xeito individual a través da páxina web habilitada especificamente para o evento: https://ceamedieval.mosteirodebergondo.com/. É requisito indispensable achegar o xustificante de pago no momento de realizar a inscrición.

Os prezos establecidos para a cea son os seguintes: as nenas e nenos de 0 a 6 anos poderán participar gratis, de 7 a 12 anos terán que pagar 15 euros e a partir de 13 anos serán 30 euros. O menú estará composto por churrasco e cabrito ao espeto, contando tamén cunha opción de menú infantil adaptada para os máis pequenos. A cea estará amenizada pola actuación en directo do grupo Pansenfron, que se encargará de poñer a nota musical á noite, sumándose aos xogos populares que ambientarán o recinto.

Desde a organización anímase a todos os asistentes a acudir vestidos de época para mergullarse por completo no ambiente histórico da celebración. Para facilitar isto, aquelas persoas que non dispoñan de indumentaria propia terán a posibilidade de alugar traxes no propio Mosteiro os días 15, 16, 17, 20 e 21 de xullo, en horario de 19.00 a 20.00 horas.

Como antesala ao banquete, ás 18.00 horas, a compañía Galeatro interpretará a obra de teatro ‘Reino de Galicia a escena’. Desde o goberno local recalcan que esta actividade cultural é totalmente independente; é dicir, as persoas interesadas poderán asistir unicamente á representación teatral sen necesidade de acudir posteriormente á cea.

Para facilitar a conciliación familiar e asegurar a diversión de todos, durante o transcurso de ambas as actividades (tanto o teatro como a cea) habilitarase un servizo de animación dirixido aos nenos e nenas, que poderán participar en talleres e xogos populares.

Deja un comentario