Sunday 21 de June de 2026

A biblioteca municipal estrea este venres o horario de verán


Coincidindo co remate do curso escolar, a biblioteca municipal de Neda muda o seu horario. O espazo cultural adáptase dende hoxe ás rutinas do verán, e pasa a abrir exclusivamente polas mañás. Ata mediados de setembro, tanto as salas de lectura como o servizo de préstamo de centro funcionarán de luns a venres, de 9 a 14 horas.

Dende o Concello anima á cidadanía, especialmente á rapazada, que ten máis tempo libre e menos obrigas durante o verán, a manter o hábito da lectura. Nesta liña, convídase á veciñanza e aos veraneantes a descubrir o amplo catálogo bibliográfico da biblioteca municipal, con máis de 30.000 títulos.
Contacontos

Precisamente co obxectivo de achegar ao público infantil ao centro, o Concello programa este sábado, 20 de xuño, a partir das 12 horas, o espectáculo infantil de narración oral “Contos en lila”, protagonizado por Cris de Caldas, orientado a rachar cos estereotipos de xénero. Unha proposta cofinanciada polo Concello e a Xunta, a través do Agadic, no marco do programa Cultura no Camiño.

Deja un comentario