Marta Abal alerta de que Santiago terá que recorrer a un crédito de 8 millóns de euros para facer fronte ao pago de preto de 1.000 facturas pendentes de 2025, consecuencia da “nefasta xestión” do Goberno da señora Goretti Sanmartín.
A concelleira socialista advirte de que Compostela é hoxe a gran cidade galega que máis tarda en pagar, con case 85 días de período medio de pago, e esixe un plan de choque para rematar co “caos organizativo” de Raxoi.
O Grupo Municipal Socialista denunciou hoxe que a incapacidade de xestión do Goberno de Goretti Sanmartín obrigará ao Concello de Santiago a acollerse ao mecanismo estatal de pago a provedores para poder afrontar preto de 1.000 facturas pendentes de 2025 mediante un crédito de 8 millóns de euros, unha situación que considera consecuencia directa do deterioro da organización municipal durante este mandato.
A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que “a nefasta xestión do goberno de Goretti Sanmartín obriga a Compostela a acollerse ao mecanismo estatal de pago a provedores”, unha decisión que evidencia, ao seu xuízo, a incapacidade do executivo local para xestionar con normalidade os pagamentos municipais.
Abal lembrou que Santiago é “hoxe a gran cidade galega que máis tarda en pagar as súas facturas” e destacou que “o último dato oficial sitúa o período medio de pago en 84,87 días”, “case o triplo dos 30 días que marca a lei”.
A edil socialista incidiu en que esta situación “non é un problema de liquidez” porque “o propio goberno recoñece que hai recursos”. Pola contra, asegurou que “o problema é de organización, de coordinación e de capacidade de xestión”, responsabilizando directamente ao Goberno municipal do bloqueo administrativo.
Neste sentido, advertiu de que “desde que Goretti Sanmartín é alcaldesa, a situación non mellorou: empeorou” e afirmou que “as supostas medidas organizativas anunciadas polo goberno non deron resultado”. Incluso foi máis alá ao sinalar que “se estes son os resultados, esas medidas simplemente non existen na práctica”.
Marta Abal puxo tamén o foco na evolución da débeda comercial do Concello e asegurou que “os datos son claros: o Concello paga tarde e cada vez debe máis”. Así, lembrou que a administración municipal “hoxe tarda case 85 días en pagar as súas facturas e acumula máis de 15 millóns de euros pendentes, practicamente o dobre que en marzo de 2023”.
A concelleira socialista quixo tamén destacar as consecuencias desta situación sobre o tecido económico local, lembrando que “detrás de cada factura hai autónomos, pequenas empresas e familias que non poden agardar meses para cobrar por servizos xa prestados”.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno local “explicacións, un calendario claro de pagos e un plan de choque real”, porque, concluíu Abal, “Compostela non pode normalizar pagar tarde nin tratar así aos seus provedores”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.