Thursday 18 de June de 2026

O goberno municipal de Ribeira avoga por actuar con responsabilidade no tema da gasolineira de Xarás e traballar para defender os intereses do Concello


 O punto foi denegado ao contar con 7 votos a favor e 12 en contra “non imos dubidar dos servizos técnicos e xurídicos municipais e entrar no seu xogo político”

A Corporación municipal de Ribeir debateu hoxe en Pleno extraordinario a situación xurídica da gasolineira SBC, no polígono industrial de Xarás, a petición dunha cuarta parte do número de edís. O BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito solicitaron esta sesión; un punto que foi denegado ao contar con 7 votos a favor (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos) e 12 en contra (PP e PBBI).

O goberno municipal incitou á oposición “a actuar con responsabilidade, prudencia e rigor” por tratarse dun expediente complexo que contaba cos pertinentes informes técnicos favorables.

Neste senso, o executivo local insistiu que estes informes foron emitidos polo mesmo persoal técnico que se encarga doutro tipo de tramitacións como o outorgamento de licenzas urbanísticas e defenderon o traballo destes traballadores municipais e no seu
criterio, pois “son os mesmos que emitiron os informes das licenzas que vostedes aprobaban”, apuntou a alcaldesa.

En consecuencia, dende o equipo liderado por María Sampedro avogaron por facer “unha política centrada en encontrar solucións e non instrumentalizar a técnicos municipais con fins partidistas”, xa que acusan á oposición de “construír o relato da empresa da gasolineira e non poñerse do lado do Concello de Ribeira e defender os intereses da cidadanía e da institución.”

A rexedora aclarou que a Xunta de Goberno Local “fixo o que tiña que facer e dentro da legalidade”, pois trátase dun órgano colexiado ao que chegan as licenzas unha vez emitidos os informes técnicos perceptivos. Se este órgano non aproba unha licenza que conta coa
documentación favorable, estaría prevaricando, como explicou Sampedro e confirmou publicamente o Secretario Xeral municipal.

Ademais, este tipo de expedientes inícianse unha vez se solicita a declaración de impacto ambiente a petición do promotor, como así foi, e este foi favorable nas dúas ocasións por parte da Administración autonómica antes de dar traslado ao Concello.

Así mesmo, a mandataria local sinalou que houbo subsanación catastral na que o Concello non interveu para nada, senón que foi tramitada polo propietario ante Catastro, Notaría e Rexistro.. “Imos seguir traballando, defendendo man a man cos asesores xurídicos, os intereses dos veciños e veciñas. O que vai resolver o problema é traballar para defender os intereses de Ribeira e deixar de lado a política súa de canto peor, mellor”, segundo declarou a alcaldesa, quen tamén acusou ao anterior executivo de non incoar o expediente de responsabilidade patrimonial e acusou ao voceiro do BNG e exalcalde, Luís Pérez, de que “non fixo absolutamente nada por poñer ese expediente en marcha e agora vén aquí pedir explicacións.

Privou intencionadamente aos técnicos e ao departamento xurídico de defender os intereses desta casa e por iso se atopa isto en vía xudicial. Perdeu vostede a oportunidade de defender os intereses do Concello en vía administrativa.”

Durante a súa intervención, a primeira edil tamén avanzou que o Concello de Ribeira se atopa en dous contenciosos pola municipalización do aparcadoiro do Centenario a petición da empresa que dirixía esta zona de estacionamento e do Sareb e que reclaman seis millóns de euros. Dirixíndose á bancada da oposición, indicou que “pola súa decisión política estamos tamén nesta situación e, a diferenza de vostedes, este goberno si se vai a defender pensando nos veciños e na institución.”

Valoración do goberno

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, recrimina a actitude da oposición por “terxiversar a realidade con fins partidistas.
Demostraron que neste tema o último que lles importaba desde o principio era o pobo, embarraron desde o minuto un. A responsabilidade de calquera concelleiro demóstrase defendendo a institución, algo que está moi alonxado da política de crispación que practica o BNG.”

Para a rexedora, “resulta unha paradoxa que o BNG sempre nos recrimine a débeda do Concello e do que suporía para as arcas municipais unha indemnización de arredor dos catro millóns de euros, pero que non falen de que pola súa culpa, esta Administración local se atopa sumida en dous contenciosos polo relativo ao aparcadoiro do Centenario. Estamos falando dunha reclamación duns seis millóns de euros. Fronte á transparencia da que presimen, no que non lles interesa dan a calada por resposta.”

Tamén se pronunciou en sentido similar o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, “cando escoitamos as súas intervencións parece que vostedes, do BNG, están defendendo a gasolineira. A empresa presenta unha reclamación patrimonial ao Concello co fundamento de que a Administración municipal é a única responsable dos danos que alega haber sufrido. Precisamente por iso debemos actuar con rigor, con prudencia e con responsabilidade. Vostede, señor Pérez, actúa sen rigor, sen prudencia e sen responsabilidade. Son vostedes uns irresponsables e non saben o lugar que ocupan. Porque cada vez que utilizan este asunto para facer política fácil, cada vez que presentan ao Concello como único culpable, cada vez que simplifican un expediente complexo, están reforzando, queiran ou non, o argumento de quen reclama unha responsabilidade patrimonial ao Concello.”

Deja un comentario