Luís Pérez Barral: “Quen cometeu ilegalidades outorgando licenzas que vulneraban as leis deben responder co seu patrimonio; non pode ser a veciñanza quen pague a factura con subidas de impostos e taxas”
Ribeira celebrou hoxe un pleno extraordinario convocado polo BNG, PSOE e Non Adscritos para que haxa luz e taquígrafos sobre as reclamacións que lle fan ao Concello de Ribeira de ata case 4 millóns de euros por outorgar unha licenza ilegal para a construción da gasolineira SBC en Xarás.
O BNG lamentou que o Goberno municipal do Partido Popular volveu poñerse do lado dos responsables da concesión das licenzas, declaradas ilegais pola Xustiza, da gasolineira de Xarás e non do lado dos intereses xerais da veciñanza de Ribeira, ao votar en contra da proposta para iniciar os trámites que permitan depurar responsabilidades políticas e derivar as responsabilidades patrimoniais neste caso aos seus causantes.
O pleno extraordinario foi solicitado ante a estratexia de ocultación de información mantida polo executivo local sobre un expediente que pode rematar cunha responsabilidade patrimonial para o Concello próxima aos catro millóns de euros. Esta situación pon en risco a estabilidade do Concello de Ribeira xa que a día de hoxe mantense unha débeda creada polo Partido Popular de 13 millóns de euros.
Durante a sesión, os nacionalistas denunciaron que o Goberno do PP non incorporou ao expediente documentación relevante, entre ela dous informes desfavorables emitidos pola Dirección Xeral de Montes en febreiro do ano 2020, que advertían da imposibilidade de autorizar unha actuación destas características nun solo sometido a protección forestal. Nestes dous informes dise de maneira literal: “Non se podía realizar o cambio de uso, nin por tanto, construírse a infraestrutura por vulnerar a prohibición de cambio de uso establecida pola Lei de montes de Galiza, ao afectar tres incendios a parcela”.
O exalcalde e portavoz municipal do BNG , Luís Pérez Barral, lamentou que “o Partido Popular perdeu unha nova oportunidade para defender os intereses da veciñanza e prefiriu protexer aos responsables dunha actuación que os tribunais declararon ilegal en reiteradas ocasións”.
Barral lembrou que a estación de servizo foi autorizada nun terreo sobre o que pesaban limitacións urbanísticas e sectoriais que facían inviable a actuación, circunstancia que foi advertida por diferentes organismos e posteriormente confirmada pola Xustiza.
“As sentenzas son claras. Non estamos ante un erro administrativo, xa que o PP sabía que existían eses informes e agochounos para seguir adiante, estamos ante unhas licenzas que foron declaradas nulas pola Xustiza en todas as instancias. Quen tomou esas decisións debe asumir as consecuencias e responder polos seus actos”, afirmou.
O PP négase a esixir responsabilidades aos causantes do problema
O BNG considera especialmente grave que o Partido Popular votase en contra de emprender as accións oportunas para reclamar responsabilidades patrimoniais ás persoas que formaban parte das xuntas de goberno que aprobaron as licenzas anuladas posteriormente polos tribunais. Xuntas de Goberno Local nas que ademais de Manuel Ruiz, tamén estaban concelleiros e concelleiras do PP que hoxe forman parte da Corporación Municipal como: María Sampedro, Ana Barreiro, Victor Reiriz, Juana Brión e Ramón Doval.
“Resulta revelador que a alcaldesa tratase de defenderse falando de asuntos que nada teñen que ver coa gasolineira e se negara a estudar as vías para que sexan os responsables quen asuman as consecuencias económicas das súas decisións. Hoxe María Sampedro deixou claro que prefire defender os intereses particulares dos compañeiros do PP antes que defender os intereses de Ribeira”, sinalou Pérez Barral.
O BNG impulsará todas as accións necesarias para defender os cartos públicos e evitar a suba de impostos en Ribeira
Ante a posibilidade de que o Concello teña que afrontar unha indemnización millonaria, o Bloque reiterou que seguirá traballando para evitar que o custo desta actuación recaia sobre os petos da veciñanza.
“Desde o BNG temos unha posición moi clara: nin un só euro dos veciños e veciñas de Ribeira debería destinarse a pagar as ilegalidades do Partido Popular. Se hai responsabilidades, deben recaer sobre quen concedeu esas licenzas ilegais e non sobre o conxunto da poboación”, afirmou o portavoz nacionalista.
Pérez Barral advertiu ademais de que a negativa do Partido Popular a iniciar a derivación de responsabilidades patrimoniais pode ter consecuencias moi graves para a economía municipal e para o peto da cidadanía. “Se o Concello acaba tendo que asumir unha indemnización que pode achegarse aos catro millóns de euros e o Goberno local decide protexer aos responsables políticos destas decisións, os cartos terán que saír dalgún sitio. Iso significará menos investimentos, menos servizos e, moi probablemente, unha subida de impostos e taxas municipais para facer fronte a un problema que provocou o propio Partido Popular”, sinalou.
O portavoz nacionalista lembrou que Ribeira xa soporta unha elevada débeda municipal de 13 millóns e advertiu de que asumir unha nova carga millonaria sen reclamar aos responsables directos “suporía condenar á veciñanza a pagar durante anos as consecuencias dunha actuación declarada ilegal pola Xustiza”.
“Por iso imos chegar ata as últimas consecuencias. O BNG non vai permitir que os veciños e veciñas acaben pagando no recibo do lixo, da auga ou dos impostos municipais as ilegalidades e a neglixencia de quen concedeu estas licenzas. Quen causou o problema é quen debe asumir as consecuencias”, concluíu Pérez Barral.
O BNG, garantía de defensa dos intereses de Ribeira
Para o BNG, este pleno extraordinario puxo de manifesto dúas formas moi diferentes de entender a política municipal: a de quen utiliza as institucións para protexer aos seus e a de quen as utiliza para defender os intereses da veciñanza.
“Mentres outros se preocupan por evitar responsabilidades, o BNG seguirá centrado en defender os cartos públicos, garantir a transparencia e protexer o futuro económico de Ribeira. A nosa prioridade é e seguirá sendo a veciñanza. Por iso imos continuar traballando para que Ribeira teña un goberno serio, honesto e responsable que poña sempre o interese xeral por enriba de calquera interese partidista”, concluíu Luis Pérez Barral.
—




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.