Wednesday 17 de June de 2026

O Concello de Neda abrirá a tempada de baño na piscina municipal o sábado 20 de xuño


O Concello de Neda abrirá este sábado, 20 de xuño, as portas da piscina municipal. A tempada de baño arranca coincidindo coa fin do período lectivo, e estenderase ata o 31 de agosto. As instalacións, situadas na contorna dos Subarreiros, abrirán todos os días da semana, incluídos festivos.

O equipamento deportivo e de lecer, que foi obxecto dunha notable posta a punto durante as últimas semanas (renovación de carpinterías, pintado), estará operativo de luns a venres, de 15.30 a 20.30 horas. Polas mañás a piscina albergará outras actividades como os campamentos acuáticos. Os sábados, domingos e festivos, o horario será de 12:00 a 20:30 horas.

A administración local mantén os prezos de anos anteriores. Así, o custo da entrada será de 1,5 euros para nenos/as de ata 14 anos, e de 3 euros de aí en adiante. Así mesmo, o Concello ofrece a posibilidade de expedir bonos de tempada co que o acceso pode saír substancialmente máis económico.

Como outros veráns, na propia piscina poderanse conseguir o bono infantil, destinado a nenos/as de ata 14 anos, por 15 euros; e o de adultos (persoas de 15 anos en diante) por 21 euros. Mentres o bono familiar tramitarase na Casa Consistorial. Haberá que presentar a solicitude, que pode descargarse na web municipal, debidamente cuberta xunto a unha copia do Libro de familia e o xustificante do pagamento na conta bancaria municipal. O prezo para catro integrantes será de 36 euros, sumándose outros 3 euros por cada membro a maiores.

Deja un comentario