Hoxe presentamos o III Torneo Escolar Concello de Carballo, un evento plenamente consolidado no calendario do xadrez base autonómico.
No acto, celebrado no espazo público dedicado ao xadrez na Praza do Concello, participaron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o presidente do club de xadrez local O Toque Xiria, Xavier Teixeira.
O torneo celebrarase este sábado, 20 de xuño, no pavillón Carballo Calero. Carballo será a cuarta parada das 14 que conforman o XIX Circuíto Galego de Xadrez Promoción 2026, que rematará arredor do mes de novembro despois de percorrer localidades como A Guarda, Nigrán ou Silleda.
A cita escolar divídese en catro categorías que van desde os sub-8 ata os sub-14. A competición disputarase mediante un sistema suízo a sete roldas, con partidas rápidas de 10 minutos por xogador. Desde a organización agárdase unha excelente participación, cun censo que roza os 80 rapaces e rapazas inscritos procedentes de clubs de toda Galicia.
O presidente do club organizador, O Toque Xiria, subliñou o alto nivel que se agarda na cita e puxo como exemplo a un dos novos talentos locais da categoría sub-8: Roi Bello, de tan só 7 anos. O xogador carballés lidera actualmente o circuíto autonómico tras proclamarse campión nos torneos previos de Silleda e Nigrán. Xavier Teixeira tamén explicou que o club carballés colaborará activamente no despregamento técnico, achegando varios árbitros para controlar o correcto desenvolvemento das partidas antes do reparto final de premios.
O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destacou o compromiso municipal co deporte base: “Para Carballo é un orgullo acoller unha proba oficial deste nivel, pero o xadrez non só é competición, senón unha ferramenta educativa magnífica que fomenta a concentración, o respecto e a estratexia entre os máis pequenos”.
Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, convidou á veciñanza a achegarse ata o pavillón e puxo a énfase no impacto dinamizador do evento, por unha banda, e na gran traxectoria do club local, pola outra: “Queremos agradecer o enorme traballo que desenvolve O Toque Xiria promovendo este deporte no noso concello os 365 días do ano. Lograr que Carballo sexa un dos eixes do Circuíto Galego de Promoción demostra a capacidade organizativa do club”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.