O Concello de Ribeira colabora con esta Festa de Interese Turístico Galego
O produto do mar será o protagonista no 2 de agosto coa XXVII Festa do Percebe de Aguiño que se desenvolverá na explanada portuaria a carón da lonxa desta parroquia ribeirense; un evento gastronómico declarado Festa de Interese Turístico Galego.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, ratificou o apoio da Administración local a esta iniciativa que converte á parroquia ribeirense en “capital mundial do percebe” cun produto “de excelente calidade, do noso territorio. A xente sabe o que come e quen o recolle.” Neste senso, a mandataria local manifestou que se continúa traballando na difusión desta festa e posta en valor deste recurso mariño para aspirar nun futuro a acadar o selo de Festa de Interese Turístico Nacional.
Pola súa parte, o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, referiuse á transcendencia “do rei do mar” para Aguiño a nivel económico e tamén social. “Vivimos case toda a parroquia do percebe”, apuntou.
No transcurso da festa agárdase repartir unha tonelada deste crustáceo a un prezo similar ao doutros anos, que dependerá das poxas nos días previos, segundo aclarou o patrón maior da Confraría de Pescadores Carreira-Aguiño, José Antonio Santamaría, para que o maior número de persoas poida acceder ás racións dun recurso que se extraerá da zona norte comprendida entre Falcoeiro e Basoñas, tal e como precisou o presidente da agrupación de mariscadores do pósito, Manuel Ángel Reiriz.
A confraría atópase actualmente perfilando os detalles cara esta vixésimo sétima edición, entre eles, os nomes das persoas que serán recoñecidas co título de percebeiros de honra.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.