O prazo de solicitude das axudas estará aberto durante un período de 15 días naturais a partir deste xoves 18 de xuño. Estas axudas do Concello de Santiago están destinadas a programas e actividades dirixidos a promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a igualdade de trato e dereitos das persoas LGBTIQ+ e a prevención e erradicación das violencias machistas.
Convocadas as subvencións para o fomento da igualdade de xénero, LGBTIQ+ e contra as violencias machistas
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica este mércores a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento de programas e actividades a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes, das persoas do colectivo lésbico, gay, bisexual, transexual, intersexual e queer (LGBTIQ+) e da prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2026 do Concello de Santiago.
A convocatoria está dotada con 30.000 euros e a subvención máxima por entidade establécese en 2.800 euros. Poden concorrer a estas axudas entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro municipal de asociacións e que desenvolvan as súas actividades principalmente en Compostela.
O prazo para presentar a solicitude é de 15 días naturais, contados a partir deste xoves, o día seguinte á publicación da convocatoria.
As actividades subvencionables terán que ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro.
Establécense as seguintes liñas de actuación:
Liña 1. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. A súa finalidade é apoiar actividades e iniciativas que promovan a igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Liña 2. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGBTIQ+. A súa finalidade é apoiar actividades e iniciativas que promovan a igualdade de trato, a non discriminación e a garantía dos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+.
Liña 3. Programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Santiago de Compostela. A súa finalidade é apoiar a posta en marcha e o desenvolvemento de actividades e iniciativas orientadas a avanzar cara a un municipio libre de violencias machistas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.