A concelleira socialista Marta Abal advirte de que o documento confunde “trámites administrativos” con resultados efectivos e non concreta cantas vivendas se van mobilizar, rehabilitar ou construír.
O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Concello chega tarde á elaboración do censo de vivenda baleira, segue sen avances na empresa pública de vivenda e continúa sen definir o desenvolvemento do solo urbano necesario para ampliar o parque residencial.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal criticou hoxe o Plan de medidas correctoras presentado polo Goberno municipal no marco da declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado e asegurou que se trata dun documento “decepcionante” sen ambición e sen concreción, que non ofrece solucións reais á emerxencia habitacional que vive a cidade..
Abal advertiu de que “o problema da vivenda en Santiago non se resolve con trámites nin medidas administrativas”, senón “aumentando o parque residencial dispoñible”, con “máis vivenda para vivir, máis vivenda pública, máis vivenda protexida, máis vivenda accesible e máis alugueiro estable”. Ao seu xuízo, o verdadeiro criterio para avaliar un plan de vivenda debe ser “cantas vivendas se recuperan, cantas se rehabilitan, cantas se mobilizan e cantas se constrúen”.
Neste sentido, lamentou que o Goberno municipal “non se molla” na cuestión esencial e presente como resultados o que en realidade son simples instrumentos administrativos. “O plan mide número de ordenanzas, número de estudos ou número de modificacións administrativas, pero non mide o que realmente importa”, afirmou, reclamando que se concreten as vivendas que cada medida permitirá incorporar ao mercado residencial.
A concelleira puxo tamén o foco no desenvolvemento do solo urbano non consolidado, unha peza clave para incrementar a oferta de vivenda. Segundo explicou, o documento fala de estudar ámbitos ou actualizar a ordenación, pero non concreta “que ámbitos se van a desenvolver con carácter prioritario, cando se van a urbanizar, cando se van a construír e, sobre todo, cando van estar as vivendas dispoñibles”. “A veciñanza precisa vivendas reais, dispoñibles, accesibles e con prazos certos”, engadiu.
En relación coa vivenda baleira, Abal cuestionou que o resultado da medida sexa simplemente modificar a ordenanza fiscal do IBI. Ao seu entender, o importante é saber “cantas vivendas baleiras se identifican, cantas son obxecto de recarga e, sobre todo, cantas deixan de estar baleiras e se incorporan ao mercado residencial”.
Tamén criticou que o estudo municipal sobre vivenda baleira continúe pendente. “Xa tiña que estar feito”, asegurou, lembrando que o Concello aprobou primeiro a modificación da ordenanza para aplicar recargas e deixou para despois o censo que debe identificar esas vivendas e permitir a súa mobilización.
Respecto das medidas sobre pisos turísticos, sinalou que o relevante non é modificar un plan de inspección, senón coñecer “cantos pisos turísticos deixan de selo e cantos pasan realmente ao alugueiro residencial estable”, algo que o plan non concreta.
Os socialistas tamén cuestionaron a falta de avances na anunciada empresa pública de vivenda. A edil lembrou que o documento prevé a súa creación durante o período de vixencia do plan, pero “a día de hoxe non sabemos absolutamente nada”, ata o punto de que nin sequera existe un borrador da memoria necesaria para poñela en marcha.
Do mesmo xeito, chamou a atención sobre a previsión de actuar en doce edificios municipais entre 2026 e 2029 cando só se identifican cinco actuacións na Caramoniña. “Non sabemos que pasa cos sete restantes, cales son nin onde están”, lamentou.
Para Marta Abal, o plan “confunde expectativas con resultados”, xa que “unha ordenanza non é unha vivenda mobilizada, un estudo non é unha vivenda recuperada e unha inspección non é automaticamente un piso incorporado”. Por iso, reclamou indicadores claros sobre vivendas baleiras mobilizadas, pisos turísticos recuperados, edificios rehabilitados e novas vivendas protexidas creadas.
Finalmente, insistiu en que o Concello debe comezar xa a desenvolver solo urbano e abandonar a “propaganda administrativa”. “Santiago necesita menos propaganda administrativa e máis compromisos concretos”, concluíu, advertindo de que o verdadeiro éxito do plan non dependerá dos documentos aprobados, senón de “cantas vivendas van estar dispoñibles en Santiago de Compostela”. “O demais”, rematou, “non deixa de ser un brinde ao sol”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.