As actividades desenvolveranse de xuño a setembro
O Concello de Ribeira lanza a trixésima edición da Fiestra da Cultura integrada por preto dunha trintena de propostas dirixidas a tódolos públicos que buscan seguir achegando actividades durante o verán, especialmente, a desenvolver ao aire libre aproveitando o bo tempo. Música, maxia, arte, espectáculos ou narración oral son algunhas das propostas das que poderán desfrutar veciñanza e visitantes dende xuño a setembro.
A concelleira da Cultura, Ana Barreiro, explicou que “abrimos a fiestra a un amplo abano de citas que buscan que sigamos desfrutando da cultura dende xuño a setembro en tódolos recunchos de Ribeira, polo que optamos por descentralizar do centro neurálxico. Trátase dunha aposta da Administración local por un cartel ambicioso no que hai cabida para novidades, así como outros eventos xa consolidados. E, ademais, chegamos a tódalas idades. Quero destacar aquí tamén a colaboración dos programas Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia, e da Rede Cultural, da Deputación da Coruña, así como de diversas entidades. É unha axenda feita por todos e para todos.” Na presentación tamén participaron os técnicos municipais de Cultura, Unai González e Sara García.
Calendario de actividades
O programa arranca coa sesión musical Concerto Acústico, de Chuches Amil, no 20 de xuño, ás 12.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. Tamén haberá os concertos Alvela, de Faia, no 28 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal; e o de Grandes Iconas, da Orquestra Sons, no 5 de xullo, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal.
No apartado de festivais enmárcanse o de baile de Tahúme, no 20 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal; o da Asociación Alfaia, no 21 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal; o Mimarte Fest a favor de Ambar, no 26 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal; o Festival Son’s da Asociación Francisco Lorenzo Mariño, no 27 de xuño, ás 21.30 horas, no exterior da Casa da Cultura de Aguiño; a III Noite Tradi, no 11 de xullo, ás 22.00 horas, na praza de Porta do Sol; o Festival da Escola de Baile El Tomasón, no 23 de agosto, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal; o XVI Festival Salsa na Rúa, no 28 e 29 de agosto, todo o día, no paseo do Malecón e rúa Alcalá Galiana; e a V edición do Etal Equakl Festival, no 5 e 6 de setembro, todo o día, na praza de Teruel.
En canto a espectáculos, haberá maxia con O camiño do afiador, do Mago Teto, no 20 de xuño, ás 21.00 horas, na praza de Porta do Sol; e con Flash!, de Dani García, no 4 de xullo, ás 22.00 horas, na praza de Porta do Sol. Tampouco faltará o circo con Cirqueiras, no 25 de xullo, ás 22.00 horas, na praza do Concello; e O último que apague a luz, de A vela circo, no 22 de agosto, ás 22.00 horas, na praza de Porta do Sol. Xa pensado para o público familiar, contarase con Cabicivai, de Pablísimo, no 29 de xullo, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol; e Brinca vai, de Paco Nogueiras, no 30 de xullo, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol.
A narración oral tamén ten o seu oco co Festival Atlántica que traerá Inequivocamente, de Esmeralda Folgado e Antonio Fontinhas, no 3 de xullo, ás 21.00 horas, a Punta do Castro, en Castiñeiras; así como
O que non está escrito, de Carmen Conde, no 4 de xullo, ás 21.00 horas, no lavadoiro de Penisqueira, en Couso-Aguiño.
No que respecta a arte, amosaranse no Centro Cultural Lustes Rivas as exposicións Retrospectiva, de Eduardo Hermo, do 8 ao 27 de xullo; Mulleres, de Jontxu Argibay, do 30 de xullo ao 29 de agosto; e a colectiva Xuntos pola arte, do Colectivo Donostia, do 11 de setembro ao 3 de outubro.
Outras citas son Ribeira con Orgullo, do 26 de xuño ao 5 de xullo; a Festa de Bandourrío, 26 e 27 de xuño, todo o día; Viamare Stock, Feira de Oportunidades, 7, 8 e 9 de agosto, no paseo do Malecón; V Edición Xiradiscos, no 8 de agosto, todo o día, na praza de Porta do Sol; Artemar: Feira Artesanal e Mariñeira, do 13 ao 16 de agosto; e a Ruada do Traxe Tradicional de Aires da Dorna, no 12 de setembro, con saída da carpa municipal ás 19.00 horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.