Thursday 18 de June de 2026

O Pazo de Raxoi acolle o acto de nomeamento dos conselleiros e conselleiras do futuro Consello Local da Infancia


O Salón de Plenos do Pazo de Raxoi acolleu hoxe o nomeamento dos conselleiros e conselleiras que farán parte do futuro Consello Local da Infancia de Santiago, unha vez que o Pleno aprobe o seu regulamento. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presidiu o acto, no que tamén participou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas. O órgano de participación infantil estará integrado por 52 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos.

Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago adiantou que “o Concello tomará boa nota de todas as achegas e de todas as demandas formuladas polos nenos e nenas, porque con elas melloraremos Compostela, non só para a infancia senón para todos e todas”. Goretti Sanmartín mostrouse convencida de que hoxe é un día feliz para moitas persoas, e entre elas lembrou a Francesco Tonucci “que leva moitos anos advertindo que as cidades cambiaron para seren menos amigables para as persoas e estando máis pensadas para os coches; e ensinándonos que debemos pensar as cidades desde a perspectiva dos nenos e nenas, porque se as deseñamos para eles e elas, serán mellores para todo o mundo”. A rexedora explicou que “o nomeamento dos conselleiros e conselleiras do Consello Municipal da Infancia marca un camiño de participación que non tén volta atrás, porque este órgano chega para quedar para sempre no Concello de Santiago”.

Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais agradeceu o traballo dos nenos e nenas que fixeron parte do grupo promotor do Consello Local da Infancia “que superaron todas as expectativas tanto polo seu número como polo seu esforzo, a calidade das súas achegas, e o exemplo de diálogo e convivencia que nos deron a todas”. María Rozas lembrou que “o obxectivo do Concello de Santiago é darlle cumprimento á Convención dos Dereitos do Neno, que recolle que a participación é un dereito da infancia, como o é a saúde ou a educación”. A tenenta de alcaldesa recoñeceu que “moitas veces as persoas maiores pensamos o mundo e construímolo á nosa medida, e debemos mudar iso para darlle a voz aos nenos e nenas, escoitalas e aprender delas para facer un Santiago mellor”.

Designación dos conselleiros e conselleiras

No acto de hoxe participaron 48 dos 52 conselleiros e conselleiras que integrarán o futuro Consello Municipal da Infancia. Ademais do seu nomeamento, os nenos e nenas aproveitaron a sesión para trasladar as súas preocupacións e demandas, en cuestións diferentes como o coidado do medio ambiente, o acoso escolar, ou a mellora dos espazos públicos para que a infancia teña máis lugares nos que xogar e socializar.

Os conselleiros e conselleiras son os nenos e nenas que formaron parte do grupo impulsor do Consello Local da Infancia, formado por alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, é dicir, de entre 9 e 12 anos, que quixeron participar no proceso ben por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou de entidades sociais vinculadas á infancia.

Deja un comentario