Saturday 16 de November de 2024

A Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes celebra o seu 30 aniversario


A concelleira Ana Soneira resaltou “a débeda que a sociedade ten coas traballadoras domésticas non remuneradas e o mérito das primeiras fundadoras”. Dende o Concello continuarase brindando apoio para o desenvolvemento de actividades e cursos

A Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes celebrou esta fin de semana o seu 30 aniversario. O lugar de encontro para rememorar unha data tan sinalada foi o restaurante Barreiro, na parroquia de Leira. Entre os asistentes non faltou o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e a concelleira de Medio Ambiente e Medio Rural, Ana Soneira.
“Agora vémolo como algo sinxelo pero é moito o mérito das primeiras fundadoras, xa que hai 30 anos o movemento asociativo non estaba tan estendido”, resaltou a edil no discurso que ofreceu. “Deberiamos falar de traballo doméstico non remunerado, porque poucos traballos hai tan sacrificados e con tan escaso recoñecemento, sobre todo no pasado. O conxunto da sociedade ten unha débeda moi importante coas amas de casa. Dende o Concello queremos felicitarvos polo labor e as actividades realizadas e animámosvos a manter estas iniciativas, para o que sempre contaredes co noso apoio”, concluíu Soneira.
Pola súa banda Martínez Sanjurjo foi o encargado de recoller un agasallo ofrecido pola dita asociación, para a que tamén tivo palabras de agradecemento.
Non foron os únicos representantes institucionais presentes xa que na celebración tamén participaron representantes de cada unha das forzas políticas que constitúen a corporación.
A Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes conta a día de hoxe con máis de 200 membros. Entre as múltiples actividades que desenvolven figuran charlas informativas, viaxes culturais, clases de cociña, palillos, traballos manuais, cursos de restauración etc.