Tuesday 16 de June de 2026

Volve a Foliada do San Xoán con cinco agrupacións do municipio e a actuación especial de Lorelia


A cita é o sábado 20 de xuño na Praza do Concello coa Escola do Alprende de Oza, Arume de Verdillo, Nemeth, San Campio de Cances e o Coro Aires de Bergantiños

Un ano máis Carballo recupera a Foliada do San Xoán, un encontro para todas as idades no que as agrupacións de música e baile tradicional do municipio convidan a todo o mundo a participar nas festas patronais. As e os asistentes poden unirse a esta celebración inspirada nas foliadas de sempre para desfrutar da nosa tradición. Está prevista a presenza da Escola do Alprende de Oza, a AC Arume de Verdilllo, a AC Nemeth, a AC San Campio de Cances e o Coro Aires de Bergantiños. A cita, a partir das 20.00 horas na Praza do Concello, tamén contará coa actuación do grupo Lorelia, que conta cun integrante de Carballo, Xairo Campos.

Lorelia é o novo nome e o seguinte paso artístico que dá o grupo que ata o remate de 2025 se coñecía como Paracetafolk. Anuncian a súa creación a finais do ano 2023 como quinteto, dando os seus primeiros concertos na primavera de 2024 e participando en todo tipo de foliadas. A finais dese mesmo ano medran ata os oito membros actuais e gravan os seus primeiros traballos discográficos, dous sinxelos: Debaixo das Cerdeiras e Varilongo. O grupo gañou o Premio Martín Códax da Música de 2025 na categoría de Artista Emerxente e posteriormente lanzaron un álbum, Nus, en novembro de 2025. Este traballo presentouse anticipadamente cun gran concerto en Santa Comba en outubro dese ano, esgotando no momento a primeira tirada de discos físicos.

Despois de todo o anterior, o grupo considera que é o momento de dar un paso máis en todas as frontes, e é cando pasa a chamarse Lorelia, aumentando tamén a calidade técnica do son. A formación ten actuado en eventos como o Festival Irmandiño de Moeche, Muinhada de Vimianzo, Festival Solidario Nos Seus Pés para persoas refuxiadas ou Folk na Beira do Sar.

Xairo Campos

O carballés Xairo Campos está a rematar os seus estudos de Composición no Conservatorio Superior da Coruña (no que entrou coa máxima cualificación), dirixe dous coros (Mera e Coristanco) e forma parte de varias agrupacións, entre elas unha charanga que ten actuado varias veces no municipio e a Big Band do Conservatorio de Carballo. Ademais, o ano que vén comezará un doutoramento en Intelixencia Artificial aplicada á Música na Universidade Politécnica de Madrid. Tamén é membro da xunta directiva da Federación Coral Galega.

O concerto

Campos, xunto co resto dos sete compoñentes de Lorelia, ofrecerá un repertorio de folk baseado nunha ampla variedade de pezas persoais, ben por seren descoñecidas ou por seren composicións propias. A actuación resulta moi atractiva para o público, xa que seguindo a tradición das foliadas, inclúe interaccións cos asistentes. Una cita próxima e divertida para prepararnos para a Semana Grande do San Xoán.
Esta actuación está organizada polas agrupacións carballesas participantes, a Concellaría de Cultura e a Deputación da Coruña.

Deja un comentario