Tuesday 16 de June de 2026

O Concello de Fene remata os traballos de reparación das beirarrúas na zona de Sixto Mauriz, en Sillobre


As actuacións permitiron substituír as baldosas deterioradas e mellorar a seguridade peonil

O plan de mantemento dos espazos públicos continuará nas próximas semanas noutras parroquias do municipio

O Concello de Fene vén de rematar os traballos de reparación e reposición das beirarrúas na parroquia de Sillobre, concretamente na zona de Sixto Mauriz, dentro das actuacións de mantemento e mellora dos espazos públicos municipais.

Os labores consistiron na retirada e substitución das baldosas que se atopaban en mal estado, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e o estado xeral das beirarrúas. Unha vez finalizadas as reparacións, procedeuse tamén á limpeza integral da zona mediante unha hidrolimpadora de alta presión, contribuíndo así á conservación e á mellora da imaxe deste espazo.

O concelleiro de servizos, Adán Chao, destacou que “estas actuacións responden ao compromiso do goberno municipal de manter en boas condicións os espazos públicos e de atender as necesidades de conservación da vía pública”. O edil sinalou ademais que “a substitución das baldosas deterioradas permite mellorar a accesibilidade e reducir os riscos para as persoas usuarias, especialmente para aquelas con mobilidade reducida”.

Chao explicou tamén que estes traballos forman parte dun plan progresivo de actuacións que continuará nas próximas semanas noutras parroquias fenesas. “Despois de Sillobre, está previsto actuar en diferentes zonas de Barallobre, Maniños e outros núcleos do concello, co obxectivo de seguir mellorando a seguridade e o estado das beirarrúas”, apuntou.

Desde o Concello de Fene subliñan que estas intervencións buscan reforzar a accesibilidade, a seguridade e o mantemento dos espazos públicos municipais, ao tempo que agradecen a colaboración e comprensión da veciñanza polas posibles molestias ocasionadas durante a execución dos traballos.

Deja un comentario