Monday 15 de June de 2026

Oleiros acolle o Campionato de España de Hockey no pavillón da Rabadeira


Oleiros converterase esta fin de semana nun dos grandes referentes do hockey a patíns estatal coa celebración do XXX Campionato de España de seleccións autonómicas infantís masculino no pavillón da Rabadeira. Esta mañá presentouse a competición na Fábrica, coa participación da concelleira de deportes, Teresa Vázquez, a presidenta da Federación galega de patinaxe, María Jesús Vázquez Méndez, e o vicepresidente da Federación española, Ignacio González.

O Pavillón da Rabadeira será o escenario desta competición, que reunirá ás mellores promesas do hóckey a patíns español representando ás súas respectivas seleccións autonómicas. Ao longo de catro intensas xornadas disputaranse os encontros que decidirán o título estatal e as distintas posicións finais do campionato.

A competición comezará o xoves e prolongarase ata o domingo, cun amplo programa de partidos desde primeira hora da mañá e unha fase final na que se determinarán as clasificacións definitivas. Segundo o calendario oficial da Real Federación Española de Patinaxe, Galicia debutará fronte a Cantabria e continuará a fase de grupos enfrontándose a Euskadi, Navarra e Madrid.

A celebración deste campionato supón un importante recoñecemento á capacidade organizativa do Concello de Oleiros e representa unha excelente oportunidade para achegar á cidadanía un espectáculo deportivo de primeiro nivel, ademais de contribuír á promoción do deporte base e á dinamización do municipio durante a fin de semana.

A celebración da gran final será o vindeiro domingo día 21 a partir das 13:30 horas.

Deja un comentario