Monday 15 de June de 2026

O concello de Afaber avalían o éxito do taller de intelixencia emocional desenvolvido en sete parroquias da Laracha


A actividade, integrada no programa municipal Saudables, reuniu 104 persoas maiores e podería ter continuidade o próximo curso ante a boa acollida rexistrada.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, mantiveron unha reunión co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (Afaber), Jesús Villar, e coa educadora social da entidade, Mónica Martínez, para analizar o desenvolvemento do taller de intelixencia emocional impartido durante os últimos meses.

A actividade levouse a cabo nas parroquias de Soandres, Erboedo, Lemaio, Montemaior, Caión, Golmar e Coiro no marco do programa municipal Saudables, unha iniciativa promovida polo Concello dentro das accións orientadas a evitar a soidade non desexada e a favorecer o envellecemento activo da poboación maior.

Durante o encontro fíxose balance e púxose de manifesto que a proposta contou cunha notable participación e unha valoración moi positiva. En total asistiron máis de cen persoas entre as sete parroquias, na súa maioría mulleres, que ao longo das sesións amosaron un alto nivel de interese, implicación e satisfacción cos contidos abordados.

Os talleres tiveron como principal finalidade ofrecer coñecementos básicos sobre saúde mental, contribuíndo a identificar factores de risco e elementos protectores, así como a adquirir estratexias de prevención e benestar emocional. Ademais, as persoas participantes puideron afondar no coñecemento das emocións e na súa xestión no día a día, incorporando recursos prácticos para afrontar situacións cotiás. Tamén realizaron sesións de risoterapia.

Outro dos aspectos traballados foi o uso de ferramentas de expresión emocional e relaxación, entre elas a música, empregada como instrumento para favorecer o benestar persoal, a comunicación e a participación activa.
Á vista da boa resposta obtida e dos resultados acadados, Concello e Afaber coincidiron en estudar a posibilidade de dar continuidade ao taller durante o próximo curso, reforzando así as accións que se veñen desenvolvendo no municipio para promover hábitos saudables, o benestar emocional e a participación social do colectivo das persoas maiores.

Deja un comentario