Monday 15 de June de 2026

Artistas de Carballo e Bergantiños presentan a exposición colectiva “O susurro dos antergos”


O acto de inauguración da mostra, que forma parte do programa de actividades do San Xoán, está previsto para o xoves 18 de xuño ás 21.00 horas no Pazo da Cultura

Sete artistas de Carballo e da comarca de Bergantiños únense para artellar a exposición colectiva “O susurro dos antergos”. Trátase dunha mostra que contará coa ollada de artistas ben coñecidos do panorama artístico que unen a súa creatividade arredor do mesmo leitmotiv. O público que se achegue a visitala atopará obras de Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMÑ (Maribel Castiñeira), Loli España, Luis Pesce e Mon Lendoiro.

A mostra mergúllase na riqueza da mitoloxía galega, dando vida aos seus seres, lendas e simboloxías. A través dunha mestura de obras plásticas, instalacións e performance, a exposición crea un espazo sensorial onde o pasado e o presente dialogan. Un convite a escoitar as voces antigas que aínda latexan na nosa memoria colectiva.
Viaxe por un mundo imaxinario
A mitoloxía galega é un universo simbólico profundamente entrelazado coa paisaxe, a tradición oral e a identidade cultural de Galicia. Está poboada por seres que habitan os bosques, o mar, os camiños e os límites entre a vida e a morte, reflectindo unha cosmovisión onde o visible e o invisible se entrelazan.

Esta exposición ofrece unha viaxe contemporánea a través deste mundo imaxinario empregando múltiples linguaxes artísticas: pintura, instalación, performance, teatro e escultura. Cada peza reinterpreta figuras tradicionais como bruxas, mouras, trasnos e criaturas mariñas, non como reliquias do pasado, senón como símbolos vivos que seguen resonando coa nosa sensibilidade actual.
Inauguración

O acto de inauguración terá lugar o xoves 18 de xuño ás 21.00 horas na Sala de Exposicións do andar -1 (xunto ao auditorio) do Pazo da Cultura, coa presenza dos artistas responsables da mostra, do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez. Esta actividade está incluída dentro do programa do San Xoán 2026 e está organizada pola Concellaría de Cultura e Festas. A mostra poderá visitarse de luns a sábado de 17.00 a 20.30 horas até o 18 de agosto.
Esta cita está organizada pola Concellaría de Cultura.

Deja un comentario