Os alumnos e alumnas dos Obradoiros da Memoria e os usuarios do Centro de Día disfrutaron coa actuación da Asociación de Tunos Veteranos de A Coruña
Máis dun cento de maiores participaron na tarde/noite do venres dun magosto gratuíto no Centro de Día de Lousame, no que tomaron parte non só os usuarios do centro senón tamén os alumnos e alumnas dos Obradoiros da Memoria. Unha festa que contou coa presenza da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, quen agradeceron a gran participación rexistrada neste magosto.
Os maiores comezaron a festa degustando un bo feixe de castañas, acompañadas por distintos refrescos. O tempo acompañou, o que permitiu que moitas das mesas se puideran montar no exterior para que os participantes puidesen estar máis cómodos. De feito, o salón de actos quedou pequeno cando chegou a hora da actuación musical, a cargo da Asociación de Tunos Veteranos de A Coruña.
Os maiores de Lousame disfrutaron da actuación desta agrupación, nacida en 1992 e integrada por antigos tunos que botaban de menos a música e que aproveitaron para presentar temas do seu último traballo, “Clavelitos”, co que renden homenaxe a esta popular melodía. Ademais das típicas cancións de tuna, a agrupación tamén amosou a súa versatilidade con outros ritmos latinos como boleros, coplas, pasodobres e mesmo folclore galego.