Consegue os tres premios máis destacados na categoría cadete
A Escola de teatro municipal do Concello de Neda triunfa na gala de premios do XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado organizado polo IES Rosalía Mera e a Deputación da Coruña, que tivo lugar o pasado venres no Teatro Colón (A Coruña). “O Principiño” arrasa na categoría cadete e tamén hai un recoñecemento na categoría infantil.
A versión realizada pola compañía local da novela de Antoine de Saint Exuperí conseguiu tres dos premios máis cobizados da velada, destinada a recoñecer o traballo desenvolvido durante os últimos meses polos 74 grupos participantes.
Por segundo ano consecutivo, o xurado do certame coroa a Sara Carneiro Primoy como mellor actriz protagonista na súa categoría. A súa emotiva interpretación do pequeno príncipe permítelle reeditar o triunfo conseguido ano pasado con “As nenas araña”. Todo un premio ao talento e constancia desta moza nedense.
Pero houbo máis. A revisión do clásico valeulle á directora da escola local Marián Rei o premio á mellor dirección e, por se fora pouco, a montaxe, cuxo elenco completan Erika Sandá, Leila Orjales (as dúas nominadas) e Bernabel Menéndez, conquista o título de “mellor obra” da categoría cadete, un galardón que recolleu parte do equipo artístico e técnico (Óskar Gáez no deseño audiovisual, e Dani Ferro, na iluminación).
Pola súa banda, a obra do grupo infantil “O misterioso Camiño Inglés desde Neda”, escrita por Óskar Gáez e dirixida tamén por Marián Rei acababa o terceiro premio á mellor obra da súa categoría.
Durante a gala entregáronse un total de 35 premios cos que a Deputación recoñeceu a calidade das propostas presentadas, o esforzo dos elencos e equipos técnicos, e o papel fundamental que desempeñan centros educativos e compañías afeccionadas na promoción do teatro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.