A tradicional sardiñada no 21 de xuño será o gran reclamo
Coa chegada do verán, as parroquias e lugares do municipio ribeirense celebran as súas festas. Nesta fin de semana será a quenda de Artes, que converterá a contorna do centro recreativo nun campo de festa como indicaron o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; a presidenta da comisión, Rosa Orellán; a secretaria, Naíma El Gargari; e os integrantes, Manuel Reiriz e Arturo Vidal.
“Xa levamos varias fins de semana desfrutando do ambiente festivo das nosas parroquias e, desta vez, Artes converterase na protagonista con tres días de actividades, onde a tradicional sardiñada é un dos seus sinais de identidade ao converterse nun punto onde moita xente fai comunidade. A comisión de festas fixo un gran traballo para sacar adiante este cartel e, coma sempre, o Concello de Ribeira estará ao carón de tódalas entidades para dinamizar cada recuncho do noso municipio durante o verán”, en palabras do edil.
A axenda comezará no venres 19 na honra de San Antonio. Xa ben cedo, ás 10.00 horas, haberá dianas e alboradas a cargo do grupo de gaitas Os Liantes para, ás 12.00 horas, asistir á misa solemne con procesión. A música regresará na noite, a partir das 23.00 horas, coa actuación do grupo Leite con Jalletas e Planet Discomóvil con Mateo Abelleira.
Na xornada seguinte, sábado 20, homenaxearase á Virxe do Carme.
O inicio do día virá tamén marcado polas dianas e alboradas con Os Liantes, ás 10.00 horas, para dar paso ao oficio relixioso con procesión, ás 12.00 horas. A tarde estará protagonizada pola rapazada, a partir das 17.00 horas, con inchables e escuma, ademais do campionato de chave por parellas, con trofeo para as dúas primeiras, ás 18.00 horas. A orquestra La Travesía e Planet Discomóvil con Tito Maverick serán os poñan a bailar ao público pola noite.
E, para despedir as festas, o domingo 21 estará dedicado ao Sagrado Corazón de Xesús. Comezará novamente coas dianas e alboradas a cargo de Os Liantes para, ás 10.00 horas, para, posteriormente, ir á misa e procesión, ás 12.00 horas. No mediodía chegará o momento da tradicional sardiñada e churrascada con cachelos, pan e viño (todo de balde) amenizada por Os Liantes, das 13.00 horas; unha cita co compoñente gastronómica que reúne a numerosos veciños e visitantes, erixíndose como un dos grandes reclamos desta celebración. Despois de comer, ás 14.30 horas, volverá a xente a moverse ao son da música do Grupo Arena.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.