Friday 19 de June de 2026

Mercedes Rosón reivindica unha Compostela “diversa e orgullosa de si” e piden ampliar a visibilidade do colectivo LGTBIQ+ no espazo público


• As concelleiras Non Adscritas penduraron a bandeira do arco da vella na súa xanela do Pazo de Raxoi coincidindo coa celebración do mes do Orgullo

• Anuncian unha iniciativa para reforzar a presenza de símbolos do colectivo nos espazos públicos de forma permanente

As concelleiras non adscritas do Concello de Santiago sumáronse á celebración do mes do Orgullo coa colocación da bandeira arco da vella na xanela do seu despacho no Pazo de Raxoi. Un xesto co que queren reafirmar o seu compromiso coa igualdade, a liberdade e a diversidade.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón explicou que “desde a pequena xanela que temos as Non Adscritas desde o Pazo de Raxoi, penduramos a comezos de este mes do orgullo a bandeira do arco da vella, para lembrarmos o noso compromiso coa igualdade, a liberdade e a diversidade”.

Rosón avanzou ademais que, coincidindo co remate das actividades do mes do Orgullo, as non adscritas presentarán unha iniciativa ao pleno municipal para reforzar a presenza permanente de símbolos do colectivo LGTBIQ+ nos espazos públicos da cidade.

“Presentaremos unha proposta ao pleno municipal para reforzar a instalación de símbolos do colectivo LGTBIQ+ na vía pública de forma permanente”, avanzou a edil, quen defendeu a importancia destes elementos como ferramentas de visibilización e inclusión social. Neste sentido, sinalou que “entendemos que a exhibición de símbolos do colectivo en espazos públicos pode contribuír a xerar un sentimento de seguridade e pertenza para quen forma parte da comunidade e, desde logo, contribúe a visibilizar a Compostela diversa e orgullosa de si que sempre fomos e que queremos seguir sendo”.

As concelleiras non adscritas consideran que as administracións públicas deben manter un papel activo na defensa da igualdade e dos dereitos das persoas LGTBIQ+, especialmente nun contexto no que se están a producir retrocesos e cuestionamentos de conquistas sociais acadadas tras décadas de mobilización.

Por iso, Rosón fixo un chamamento a seguir reivindicando os valores da diversidade e do respecto fronte aos discursos excluíntes. “Nós desde xa poñemos o noso grao de area nun mes no que, máis que nunca, debemos seguir erguendo os brazos fronte os discursos de odio que buscan deshumanizar, sinalar e invisibilizar ás persoas LGTBIQ+, poñendo en risco avances fundamentais froito da loita social”, afirmou.

“Pé en parede fronte o retroceso, e orgullo. Moito orgullo”, concluíu a concelleira.

Deja un comentario