Destaca a Estratexia da especialización intelixente e a Axenda da competitividade como os dous piares que aportan visión e misión á Industria 4.0
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a Industria 4.0 como o novo modelo económico para as próximas décadas.
Durante o acto de apertura do Foro Industria 4.0, Feijóo afirmou que como todo modelo económico, este non xurde dunha forma espontánea, senón que está apoiado por unha estratexia que implica a todas as institucións, con Europa como punto de partida imprescindible. E, sobre este punto, destacou a Estratexia da especialización intelixente e a Axenda da competitividade, como os dous piares que aportan visión e misión á Industria 4.0, “pero tamén –engadiu- uns valores que debemos ter sempre moi presentes”, dixo, referíndose á Marca Galicia,”que intenta ofrecer produtos de calidade, competitivos e abrir novos mercados para os nosos sectores”.
Así mesmo, destacou a necesidade de traballar conxuntamente para acadar un obxectivo común: alcanzar os 50.000 empregos industriais, de tal forma que o sector da industria represente o 20% do PIB ao final da década.
Ao longo da súa intervención, Feijóo recoñeceu que se Industria 4.0 é posible é grazas aos emprendedores e as empresas, “aos que temos a obriga de axudar nos ámbitos da innovación e o emprendemento, a través de concursos de ideas, viveiros de empresas e unidades mixtas, pero tamén do asesoramento e o financiamento”.
Neste sentido, destacou a posta en marcha da Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, que pretende atraer grandes iniciativas tecnolóxicas con presupostos superiores aos 50 millóns de euros. Un programa pioneiro que busca capital privado a través dun cofinaciamento de ata o 40% para proxectos innovadores promovidos por empresas líderes; e que ten un exemplo no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados creado en Rozas.
Feijóo destacou que iniciativas como o naval 4.0 ou os convenios coas empresas do sector e os centros de investigación demostran como a aposta pola innovación tecnolóxica e a renovación do modelo produtivo non só pasa polas industrias nacentes, senón tamén polas xa consolidadas. E, ao respecto afirmou que Galicia vai seguir apostando polo sector naval, pola automoción e polo sector da alimentación; sectores que xa se incorporaron aos proxectos que desde a Administración autonómica se puxeron en marcha, “e para os que se mobilizaron máis de 100 millóns de euros”, dixo, engadindo tamén novos sectores como o da biotecnoloxía e o da aeronáutica.
O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que grazas a esas grandes iniciativas, pero tamén ao traballo dun gran número de pequenas e medianas empresas, Galicia pode aspirar a liderar a Industria 4.0 en España. E garantiu o compromiso do Goberno galego para seguir traballando conxuntamente nesta liña.