Friday 19 de June de 2026

Carballo une investigación, praia e bares no novo programa de divulgación Sol x Ciencia


• A iniciativa, inspirada no exitoso modelo do festival Pint of Science, levará catro charlas científicas de balde a Baldaio e Razo no mes de xullo

• O nome xoga co concepto do “solpor” —momento no que se celebrarán os encontros— e o “x” como o gran símbolo do misterio e a abordaxe científica

• O ciclo, que xira arredor do eclipse do 12 de agosto, está organizado pola Concellaría de Innovación a través do Proxecto Talento km0 (TALK0)

Tras o éxito recolleito polo festival Pint of Science, o Concello de Carballo dá un paso máis este verán e traslada o coñecemento directamente ás praias. Baixo o título “Sol x Ciencia”, a Concellaría de Innovación presenta un ciclo de divulgación que fusiona o encanto dos solpores carballeses coa divulgación científica de primeiro nivel, tomando como fío condutor a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.

O nome do programa agocha unha dobre lectura: por unha banda, evoca conceptualmente a maxia do solpor, o momento da tarde no que se desenvolverán as charlas; pola outra, emprega a “x” como o símbolo matemático e científico do misterio por resolver.

As citas, enmarcadas na European Researchers’ Night (Noite das persoas investigadoras), terán lugar en Baldaio e Razo a partir das 20:30 horas. Todas as actividades son de acceso libre e de balde, e, seguindo o modelo do festival de divulgación científica nos bares celebrado en maio, entre charla e charla haberá concursos e sorteos.

Programa de actividades

Luns, 20 de xullo | Camping Baldaio (20:30 h)
• Isabel Lema Gesto – A eclipse a través dos teus ollos: mirar o sol de xeito seguro. A carballesa Isabel Lema Gesto é profesora titular da área de Oftalmoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta cunha destacada traxectoria como investigadora no campo das neurociencias clínicas e a patoloxía do sistema visual. Na súa intervención achegará as claves médicas para gozar da eclipse protexendo a saúde ocular.
• César González García – Ceos de pedra: eclipses na historia e na cultura. Doutor en Astrofísica e prestixioso investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O seu labor investigador céntrase na Astronomía na Cultura e na Arqueoastronomía, estudando como as diferentes civilizacións humanas ao longo da historia interpretaron e plasmaron os fenómenos celestes e as eclipses.

Mércores, 29 de xullo | Terra Bar – Razo (20:30 h)

• Begoña Nicolás Ávila – Cando un aliñamento dos astros non é suficiente. Profesora e investigadora na área de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), tamén carballesa. Como especialista en física e na mecánica de corpos celestes, descubrirá ao público a precisión matemática e as variables que rexen os movementos dos astros do noso sistema solar.
• Óscar Blanco Varela – A eclipse da nosa vida. Director do Centro Astronómico Trevinca, un dos puntos de referencia para a observación estelar en Galicia. Recoñecido astrofotógrafo e divulgador astronómico, Blanco guiará aos asistentes a través dunha viaxe visual e conceptual sobre a magnitude e a singularidade histórica que supón presenciar un eclipse total de sol.

Esta aposta por democratizar o coñecemento en contornas relaxadas e fóra dos ámbitos académicos tradicionais conta co selo do Proxecto Talento km0 (TALK0), promovido pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo e financiado pola Unión Europea dentro do programa MSCA and Citizens. Grazas a esta iniciativa, as praias de Carballo convértense este verán no escenario idóneo para aprender a mirar ao ceo e descubrir a ciencia que se agocha detrás dos grandes fenómenos astronómicos.

Deja un comentario