Monday 15 de June de 2026

A cultura urbana toma a Skate Praza Rego da Balsa na primeira edición do Balsiña Fest, que fusiona deporte, música e arte colectiva


• A cita central será a ‘Balsiña Skate Jam’, unha competición aberta, informal e sen eliminatorias onde o público decidirá os premios

• O evento, programado para este sábado 13 de xuño, está organizado polo Concello de Carballo, os pubs da rúa da Estrela e a mocidade local

A Skate Praza Rego da Balsa acolle este sábado, 13 de xuño, a estrea do Balsiña Fest ’26, un novo festival de cultura e creación emerxente que nace co obxectivo de dinamizar o espazo público a través do deporte, a música e as artes plásticas.

Nado da colaboración entre a Concellería de Mocidade e os emblemáticos pubs da Rúa da Estrela Magic, Goat, American Dreams e Goldie, este festival é a evolución natural do tradicional Pre San Xoán para transformalo nunha cita moito máis ampla e ambiciosa, deseñada para ofrecer un punto de encontro activo e participativo para a mocidade local e da comarca a partir dos 12 anos.

O gran reclamo da xornada de tarde será a Balsiña Skate Jam, cuxo arranque está previsto para as 17:30 horas. Será unha quedada de skate totalmente aberta e informal, que fuxirá dos formatos tradicionais de eliminatorias ou puntuacións estritas de xuíces.

Nesta ocasión, os skaters irán planchando os seus mellores trucos nun formato de jam libre e exhibición. Ata a tarde de hoxe recibíronse 25 inscricións: o 25% son menores de ata 17 anos; o 42%, mozos e mozas de 18 a 25 anos, e o resto, deportistas de 25 a 38 anos. Sen dúbida, un perfil interxeracional moi saudable para consolidar este tipo de proxectos no concello.
Máis alá do eixe deportivo, o Balsiña Fest funcionará como un escaparate para o talento de “quilómetro cero”. Entre as 17:30 e as 21:30 horas activarase unha mostra de arte, moda e deseño de creadores e creadoras locais emerxentes.

O punto álxido no eido plástico será a creación dunha obra de arte colectiva coordinada en conxunto coa Asociación Cultural Cascabullo. Trátase dunha peza colaborativa na que a mocidade de Carballo irá participando ao longo de toda a tarde coa premisa de que o proceso de construción e a pegada comunitaria son tan importantes como o propio resultado visual definitivo.

A música será o fío condutor que faga a transición entre a tarde e a noite. O festival arrincará musicalmente de 17:30 a 19:30 horas coas sesións de Loulow e Emete, que porán ritmo ao ambiente mentres se desenvolven as actividades na pista de skate e no mercado de deseño.

A partir das 21:00 horas, a música pasará a tomar o protagonismo absoluto. No primeiro bloque nocturno subiranse ao escenario Tunaboy, Collazo e Lg1do. Finalmente, a partir das 23:30 horas e como peche desta potente primeira edición, a pista de baile correrá a cargo de Kelsier, Luciano Macaro, Cotelo e Dj Roy.

Deja un comentario