O evento, a cuxa presentación acudiu o concelleiro Gonzalo Castro, celébrase este venres na praza da Tolerancia
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta tarde os concertos da terceira edición do festival musical Aquí Tamén Se Fala, que forma parte da iniciativa lingüística impulsada desde o IES Rafael Dieste da Coruña. O evento reúne na praza da Tolerancia a destacadas formacións musicais galegas, como De Ninghures ou Kid Mount, e conta coa súa primeira actuación internacional, a da portuguesa Carolina Deslandes.
”É unha honra que a iniciativa de dinamización lingüística máis importante de Galicia xurdise nas aulas coruñesas, froito do traballo do alumnado e do profesorado. Desde o Goberno de Inés apoiamos as numerosas accións que levan a cabo a prol da lingua galega, tal e como facemos desde 2019, con accións concretas como a Ordenanza que regula oseu uso na Administración local”, sinalou o concelleiro, que participou no acto institucional celebrado antes do inicio das actuacións xunto co conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, e as deputadas provinciais Sol Agra e Avia Veira. O evento conta co financiamento do Concello, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.
O festival é unha das iniciativas máis visibles de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), o maior movemento de dinamización lingüística do país, nacido no IES Rafael Dieste e convertido xa nun fenómeno social e educativo sen precedentes. O que comezou como unha campaña impulsada polo alumnado para visibilizar a presenza do galego nos barrios da Coruña acabou estendéndose a centos de centros educativos de todo o país, mobilizando a milleiros de estudantes e recibindo recoñecementos como o Premio da Cultura Galega, o Innovagal, o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña ou o Mil Primaveras.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.