Monday 15 de June de 2026

Belén do Campo destaca o investimento de 467.000€ na V edición do Obradoiro de Emprego de Boiro no que se formarán a 20 persoas desempregadas


A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter certificados de profesionalidade en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e en instalación de elementos de carpintería

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou na inauguración Galicia da quinta edición do obradoiro de emprego dual Torre Goiáns V, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas do municipio de Boiro nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e instalación de elementos de carpintería.

Durante o acto de inicio do taller de formación, a delegada da Xunta destacou que este obradoiro supón “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade e adquirir experiencia profesional nun entorno de traballo real”, ao tempo que lembrou que os participantes recibirán formación teórica e práctica, estarán contratados mediante un contrato para a formación e obterán un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional.

A Xunta destina a esta edición un investimento total de 467.000 euros, dos que case 34.000 euros están reservados para 7 incentivos á contratación por parte das empresas e do Concello unha vez finalizada a formación.

A representante do Goberno galego aproveitou a ocasión para poñer en valor o alcance dos programas de emprego e formación en toda Galicia. Neste sentido, sinalou que este ano se aprobaran un cento de obradoiros de emprego cun investimento global de 48,1 millóns de euros para formar a preto de 2.000 persoas desempregadas.

Na provincia da Coruña xa están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros, que benefician a arredor de 400 alumnos e alumnas. Na comarca do Barbanza, están aprobados catro programas en Boiro, Noia-Lousame-Outes, Muros e Ribeira con Porto do Son, cunhas achegas de preto de 2 millóns de euros e ofrecen formación a 80 persoas sen emprego.

Actuacións de mellora ambiental, patrimonial e social

Ao longo dos próximos meses, o alumnado desenvolverá actuacións de especial relevancia para o municipio de Boiro. Entre os traballos previstos figuran actuacións de consolidación de frondosas e tratamentos silvícolas destinados á conservación e fortalecemento dos espazos forestais, así como a limpeza das faixas secundarias de protección para mellorar a prevención dos incendios forestais.

Os participantes tamén actuarán no Camiño A Orixe, onde realizarán labores de conservación, mantemento e acondicionamento, ademais da mellora da sinalización mediante a instalación de sinais orientativas e paneis informativos que facilitarán o percorrido ás persoas visitantes.
Pola súa banda, o alumnado da especialidade de carpintería participará na integración de elementos de madeira no Pazo de Goiáns, contribuíndo á posta en valor dun dos principais referentes patrimoniais do municipio. Ademais, realizarán actuacións de mellora nas instalacións e nos elementos de carpintería dos centros sociais municipais.

No ámbito das infraestruturas turísticas e ambientais, está prevista a mellora e creación de pasarelas nas praias de Barraña, Carragueiros e Mañóns, co obxectivo de reforzar a accesibilidade, a seguridade e a protección da contorna natural.
A delegada da Xunta destacou que estas actuacións permitirán ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos, desenvolver novas competencias profesionais e contribuír directamente á mellora dos espazos públicos e do patrimonio local.

Un modelo de colaboración entre administracións

A representante autonómica incidiu tamén na importancia da formación dual como ferramenta para facilitar a inserción laboral, grazas á combinación de formación, experiencia profesional, remuneración económica e certificación oficial.
Así mesmo, subliñou o papel fundamental dos concellos na organización destes programas, ao adaptar os contidos formativos ás necesidades reais do territorio e ás demandas das empresas locais.

Neste sentido, destacou que os obradoiros de emprego constitúen un exemplo de colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, que achega o financiamento, e os concellos, responsables da organización e execución dos proxectos.
Finalmente, animou aos participantes a aproveitar esta oportunidade formativa e profesional, lembrando que os obradoiros de emprego son unha das ferramentas máis eficaces para favorecer a inserción laboral e mellorar as oportunidades de acceso ao mercado de traballo.

A Xunta de Galicia reafirma así o seu compromiso coa formación, o emprego e a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, especialmente no ámbito local, contribuíndo ao fortalecemento do tecido produtivo e á cohesión social e territorial.

Deja un comentario