Monday 15 de June de 2026

Ángeles Vázquez anima aos escolares galegos a ser un exemplo de compromiso ambiental para a comunidade


Ante uns 700 rapazas e rapaces de toda Galicia, salienta que “pequenas accións poden xerar grandes cambios” e insta a compartir a súa experiencia con familiares e amigos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso e a conciencia medioambiental do conxunto da comunidade educativa e, en especial, dos escolares galegos, aos que animou a seguir sendo un exemplo e un referente en Galicia no coidado do patrimonio natural e da contorna.
Así o salientou a responsable autonómica, que participou no acto de clausura e entrega de premios de Ecovoz 2026, unha iniciativa de carácter divulgativo e de sensibilización ambiental na que colabora o seu departamento desde fai 27 anos a través da empresa pública Sogama e que congregou esta mañá no Aquapark de Cerceda a arredor de 700 rapazas e rapaces.
Tras felicitar aos colexios gañadores e ao seu alumnado por ser unha mostra viva do “talento” da mocidade galega, salientou que coa súa participación ao longo do curso escolar neste programa demostraron a gran capacidade que teñen as novas xeracións para axudar á construír unha “Galicia máis verde, máis limpa e máis sostible”.
Acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, a conselleira reiterou a importancia do papel que teñen os máis novos xa que “pequenas accións poden xerar grandes cambios” e agradeceulles que puxeran “o seu gran de area” para reducir a produción de residuos, reutilizar ao máximo os produtos e separar correctamente os refugallos co fin de garantir a súa reciclaxe.
Para concluír, pediulle ao alumnado asistente que manteña os bos hábitos adquiridos no coidado do medio ambiente e emprazounos a difundir entre familiares e amigos a importancia da conciencia ecolóxica para contribuír a que a súa experiencia se transmita dunha xeración a outra.

Deja un comentario