— O programa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizado por A Bao A Qu e coordinado en Galicia pola cinemateca da Xunta, contou nesta edición coa participación de 113 estudantes e 17 docentes de catro centros galegos
— As películas foron realizadas por centros educativos de Ribadavia, Cerdedo-Cotobade, Cangas de Morrazo e Mesía co acompañamento dos cineastas Carmen Méndez, Fon Cortizo, Sebastián Uría e Alejandro Tarraf
A Filmoteca de Galicia estreou hoxe as catro películas documentais realizadas nesta edición de Cinema en curso, programa internacional de pedagoxía do audiovisual organizado pola asociación A Bao A Qu e coordinado pola sección didáctica da cinemateca da Xunta. A iniciativa contou durante os últimos meses coa participación de 113 estudantes galegos de entre 10 e 18 anos e de 17 docentes procedentes do IES O Ribeiro, de Ribadavia; do CEIP Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade; do CEIP A Rúa, de Cangas de Morrazo, e do CPI de Xanceda, en Mesía.
A cita reuniu esta mañá na sala José Sellier alumnado, cineastas que exerceron as titorías ‒que nesta ocasión foron Carmen Méndez, Fon Cortizo, Sebastián Uría e Alejandro Tarraf‒ e profesorado dos centros de ensino, así como tamén responsables da organización de Cinema en curso. O encontro incluíu a proxección dun resumo de todo o traballo desenvolvido en Galicia, a presentación e visionado dos catro documentais e un diálogo posterior entre os artífices de cada filme e o público presente
Ver cinema, facer cinema
Cinema en curso propón unha metodoloxía baseada no vínculo entre ver e facer cinema, combinando a observación de fragmentos e películas, a análise da linguaxe audiovisual, a observación da contorna e a práctica directa da creación cinematográfica. En Galicia, o programa intégrase nas actividades pedagóxicas da Filmoteca arredor da alfabetización audiovisual e da formación de novos públicos.
Ao longo do curso, os grupos participantes traballaron todas as fases do proceso creativo: a procura dos temas, a relación coa realidade próxima, a planificación das rodaxes, a gravación das imaxes e dos sons e a construción final das pezas. Deste xeito, o proxecto favorece unha aprendizaxe transversal na que conflúen a expresión artística, a atención ao territorio, o traballo colectivo e a capacidade da rapazada para contar a súa propia realidade a través do cinema.
As películas parten da ollada do alumnado sobre os seus espazos cotiáns, as persoas que os habitan e as historias que forman parte da súa contorna, co acompañamento dos equipos docentes e profesionais da realización que guiaron os procesos de creación destas pezas como unha experiencia próxima á práctica cinematográfica profesional, adaptada ás idades e aos ritmos de cada grupo.
Catro olladas documentais
A estrea reuniu Lembranzas, realizada polo alumnado de 6º de primaria do CEIP A Rúa, de Cangas de Morrazo, co acompañamento de Fon Cortizo. O documental achégase á relación da vila pontevedresa co mar a través da memoria do mexillón, entre o oficio artesanal, os cocedoiros abandonados, as ruínas da fábrica de Arbones e os relatos de Paqui, Tini e Daniel. A partir das súas lembranzas, de fotografías de arquivo e da recollida da mexilla, a película reconstrúe unha parte da paisaxe emocional e colectiva deste territorio.
Un día con Dani, creada polo grupo de 5º de primaria do CPI de Xanceda, de Mesía, con Carmen Méndez, retrata unha xornada na vida dun veciño da localidade, desde o amencer ata o solpor. O repicar das campás, o traballo na horta, o coidado dos animais do seu avó Jesús e o vínculo coas veciñas Manola e María compoñen unha mirada próxima sobre a vida cotiá en Xanceda.
Pola súa banda, Monte y culebra, asinada polo alumnado de 1º de Bacharelato de Artes do IES O Ribeiro, de Ribadavia, con Sebastián Uría, acompaña a Fabiana, unha muller que deixou Caracas hai anos e que, tras vivir en diferentes cidades, atopou agora o seu lugar en Ribadavia. Entre rúas, hortas e a beira do río Avia, o documental descobre a vila a través da súa mirada e do seu xeito de relacionarse coa contorna, recollendo flores e plantas para crear papel de maneira artesanal.
A cuarta peza, Peneirando un novo día, desenvolvida por estudantes de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, con Alejandro Tarraf, filma nas casas de familiares e veciñanza das aldeas de Cuspedriños, Cutián, San Xurxo, Tenorio e Viascón, así como na Fraga, en Campo Lameiro. A película recolle tarefas e saberes cotiáns como lavar a roupa no pilón, moer o millo, amasar e cocer o pan, traballar na horta, coidar das ovellas e das galiñas, facer encaixe de palillos, tocar a pandeireta ou recoller o azafrán.
Coa estrea na Filmoteca de Galicia, os documentais completáronse como obras compartidas co público e pasan a formar parte da memoria audiovisual do programa. A sesión supuxo tamén o peche do traballo desenvolvido durante o curso e un recoñecemento á implicación da comunidade escolar e cinematográfica participante nos procesos de creación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.