Sunday 14 de June de 2026

Os grupos de ximnasia de mantemento de San Sadurniño pechan curso cunha excursión polo Xeoparque Montañas do Courel


Un total de 51 integrantes dos grupos de ximnasia de mantemento para persoas maiores de San Sadurniño andan este venres de excursión pola montaña luguesa. Participan na viaxe de fin do curso organizada polo Concello de San Sadurniño para percorrer os puntos máis destacados do Xeoparque Montañas do Courel. A expedición chegou esta mañá a Quiroga e xa realizou varias das visitas previstas dun itinerario que condensa nunha mesma xornada patrimonio natural, xeoloxía, paisaxe e cultura local. Pola tarde, o grupo completará o programa con actividades etnográficas e relacionadas coa historia mineira da comarca antes de emprender o regreso a San Sadurniño. Na viaxe teñen como guía ao director científico do noso xeoparque, o Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. Tamén están aló o alcalde, Secundino García Casal, e a concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro.

A xornada arrancou coa chegada a Quiroga e unha breve parada técnica na Casa da Cultura, desde onde o grupo continuou camiño da aldea Paleozoica de Froxán. Alí, as persoas participantes puideron coñecer un dos núcleos rurais máis singulares do Courel, recoñecido como Ben de Interese Cultural pola conservación da súa arquitectura tradicional e pola estreita relación histórica da comunidade coa explotación sostible dos montes.

Durante a mañá tamén se achegaron ao miradoiro da Pena do Teso Grande que, xunto con Froxán, é un dos lugares que permiten comprender mellor a evolución da paisaxe courelá. O Xeoparque Montañas do Courel está considerado un territorio de extraordinario valor xeolóxico, con formacións rochosas que gardan testemuñas de centos de millóns de anos de historia da Terra e que o converten nun dos lugares de referencia para o estudo do patrimonio xeolóxico do noso planeta.

O percorrido continuou cunha parada no miradoiro de Campodola, un dos puntos panorámicos máis coñecidos da zona. Desde este enclave pode contemplarse o espectacular pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, formado polos movementos tectónicos que modelaron o relevo da zona e que constitúe un dos elementos máis emblemáticos do xeoparque.

Tralas paradas da mañá, o grupo está de novo en Quiroga para compartir o xantar. Despois da sobremesa disporá de tempo de lecer, con posibilidade dar unha volta pola vila ou gorecerse da calor na sombra do paseo fluvial do río que desemboca no Sil.

A programación continuará cunha visita ao Museo Etnográfico e cunha cata de aceites locais, unha actividade que permitirá achegarse ás tradicións, aos oficios e aos produtos característicos da comarca. O museo reúne numerosos elementos relacionados coa vida cotiá e coa cultura popular dunha zona marcada historicamente pola agricultura de montaña.

A última actividade prevista será a visita ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana, onde as persoas asistentes poderán descubrir a importancia que tivo a extracción de ouro nesta parte do territorio durante a época romana. A través dos recursos expositivos do centro coñecerán as técnicas empregadas hai dous mil anos e o impacto que aquela actividade deixou na paisaxe do Courel e de Quiroga. Logo volverán subir no bus para regresar a San Sadurniño, xa cerca da noite.

Deja un comentario