Friday 22 de November de 2024

A Xunta publica unha instrución sobre a nova Lei do Solo na que garante que as explotacións gandeiras existentes en solo rústico e núcleo rural poderán manter a súa actividade


Na redacción desta instrución tivéronse en conta as observacións formuladas polos secretarios municipais, equipos redactores de planeamento, profesionais do urbanismo, sector gandeiro e mesmo os propios cidadáns, nas diversas xornadas de traballo organizadas pola Xunta para presentar a nova lei

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a instrución 1/2016 (http://goo.gl/2e2mZ2) na que se expoñen os criterios de aplicación da Lei 2/2016 do Solo de Galicia en relación ás explotacións gandeiras existentes á entrada en vigor da LOUG.

A instrución baséase na experiencia adquirida durante a vixencia da extinguida LOUG, o que permite abordar coas necesarias garantías os criterios axeitados de interpretación, así como asentar que a nova Lei do Solo de Galicia fai un recoñecemento decidido do solo rústico como solo produtivo, potenciando os seus usos económicos para xerar riqueza no rural.

Neste senso, a nova normativa fai un tratamento específico ao considerar que o solo rústico é competencia da lexislación autonómica e o solo de núcleo rural, por asimilación ao urbano, é unha cuestión competencial exclusiva da administración local para establecer o seu modelo de asentamento territorial.

Solo rústico
Polo tanto, a disposición transitoria 4ª da nova Lei do solo cínguese a regular as explotacións existentes no solo rústico, porque este é o solo de interese autonómico. Nesta disposición, establécese que as posibilidades de ampliación das explotacións situadas en solo rústico chegan ata o 50% do volume construído orixinario, sen necesidade de cumprir os parámetros relativos ás condicións de edificación que se regulan no artigo 39 da Lei do solo, agás o límite da altura. Non obstante esas condicións si resultarán de aplicación ás novas explotacións que se implanten, e que, por outra banda, se verán beneficiadas pola redución da parcela mínima edificable de 5.000 m2 ata os 2.000 m2 en coherencia coa unidade mínima de cultivo establecida na lexislación agraria.

Deste xeito, queda claro que a nova Lei permite tanto iniciar novas explotacións gandeiras, como manter a actividade das xa existentes á entrada en vigor da LOUG. Así, na instrución publicada hoxe, aclárase que esta disposición transitoria 4ª resulta de aplicación ás construcións e instalacións vinculadas coa explotación, actividade agropecuaria e primeira transformación de produtos gandeiros existentes no solo rústico, con anterioridade ao 1 de xaneiro do 2003, independentemente de que tivesen ou non licenza, ou regularizaran a súa situación en base a disposición transitoria 11ª da LOUG. As executadas en solo rústico ao abeiro da licenza urbanística tamén poderán acollerse ao réxime establecido na disposición transitoria 3ª da Lei 2/2016.

Núcleo rural
Xa no que se refire ao solo de núcleo rural, para as construcións e instalacións gandeiras existentes, a nova Lei permite o seu mantemento, considerando que esas explotacións gardan relación directa cos usos tradicionalmente ligados ao asentamento do núcleo rural, ou que dan resposta ás necesidades da poboación residente neles (art. 25.2.).
Respecto á implantación de novas instalacións gandeiras en solo de núcleo rural mantense o que xa dicía a LOUG. A nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia prohibe a implantación de novas instalacións gandeiras no solo de núcleo rural (art. 26.1.f), sen que as ampliacións das existentes sexan consideradas en ningún caso como novas instalacións.
Polo tanto, no caso do solo de núcleo rural, será o concello, na súa competencia exclusiva para a formulación do planeamento, o que determine as condicións de ampliación, polo que non lle resulta de aplicación a prohibición do (art. 26.1.f) relativo á implantación de novas explotacións. Hai que ter en conta que todos os núcleos rurais están regulados por un instrumento de ordenación, xa sexa un PXOM, normas subsidiarias ou delimitacións.
En definitiva, as construcións e instalacións destinadas a actividades vinculadas coa explotación e co apoio á actividade agropecuaria e de primeira transformación de produtos gandeiros existentes á entrada en vigor da LOUG, tanto en solo rústico como en solo de núcleo rural, poderán manter a súa actividade.