— Ángeles Vázquez salienta que hai tempo de cambiar o rumbo ante os sinais que nos está a enviar o planeta e considera clave que a administración poida contar no sector privado con socios comprometidos coa economía circular e a descarbonización
— Como mostra das políticas impulsadas neste eido, lembra que Galicia lidera a nivel nacional a redución das emisións contaminantes netas e aposta pola redución e a mellora na xestión dos residuos, con medidas como a construción en Cerceda da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de España
A Xunta de Galicia emprazou ao tecido empresarial galego e, en particular, ás entidades comprometidas co impulso da sostibilidade ambiental e a economía circular a afrontar o proceso de transición ecolóxica como unha grande oportunidade para crear emprego verde e de calidade, impulsar a innovación, gañar en competitividade e atraer máis investimentos.
Durante un acto para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente organizado en Cerceda polo clúster Viractec (a asociación sectorial que acolle en Galicia a entidades que desenvolven actividades relacionadas co eido ambiental), a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu hoxe na importancia que ten para Galicia contar con empresas comprometidas coa sostibilidade e a busca de solucións verdes e, á vez, economicamente viables e competitivas.
Ante unha ampla representación de empresarios e membros da xunta directiva de Viratec, a conselleira considerou que o planeta está enviando “sinais de alerta” sobre os efectos do cambio climático no medio ambiente, polo que considerou clave que as administracións públicas conten con socios comprometidos no sector privado para poder avanzar da man no impulso da economía circular fronte a outros modelos caducos e na descarbonización a través dunha aposta decidida polas enerxías renovables.
En calquera caso, incidiu en que o planeta tamén envía “sinais de esperanza”. “Vemos cidades máis sostibles, enerxías renovables, proxectos de restauración ambiental e empresas que apostan por facer as cousas doutro xeito”, citou a conselleira, que por este motivo amosou a súa confianza en que hai tempo “para cambiar o rumbo”.
Neste sentido, explicou que as políticas impulsadas nos últimos anos por parte da Xunta e, en particular, do seu departamento xa están a dar froitos cuantificables e que sitúan a comunidade como parte activa dese cambio.
A modo de exemplo, a conselleira lembrou que Galicia consolida a súa posición de liderado a nivel nacional en canto a redución das emisións contaminantes netas, cun 68,5% menos de emisións GEI en 2024 que en 1990 —ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas— e insistiu en que o ritmo podería ser aínda maior se estiveran xa implantados os proxectos de parques eólicos paralizados na actualidade.
Así mesmo, en materia de economía circular, Ángeles Vázquez tamén destacou o esforzo realizado polo Goberno galego neste eido, primeiro para garantir unha rede de plantas axeitada para a xestión dos biorresiduos de orixe doméstica e agora para abordar o tratamento da fracción téxtil dos residuos municipais.
En concreto, referiuse á construción en Cerceda da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de toda España, unha instalación actualmente en obras e cun investimento de máis de 22 millóns de euros.
“Todos os que cremos nesta Galicia verde da que presumimos e nun mellor futuro, traballaremos xuntos para facelo posible”, declarou a conselleira, que rematou incidindo na “aposta decidida” que fai e seguirá facendo a Xunta por facer fronte con optimismo e solucións innovadoras aos “enormes desafíos actuais” relacionados co cambio climático, a transición enerxética e a xestión sostible dos residuos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.