Sunday 14 de June de 2026

O PP denuncia que o caos organizativo do goberno de Rioboo dispara a 121 días o pago de facturas


• O executivo local chegou a acumular unha débeda de 3,6 millóns de euros e realizou pagos a última hora para evitar o mecanismo extraordinario de financiamento de Facenda

• Izaskun García: “Os autónomos e as pequenas empresas non poden seguir financiando ao Concello de Culleredo”

O PP de Culleredo esixe explicacións ao goberno municipal de José Ramón Rioboo tras coñecerse que o Concello chegou a acumular máis de 3,6 millóns de euros en facturas pendentes e a pagar aos seus provedores cunha demora media de 121 días, máis de catro veces por encima do prazo legal.

Os populares consideran especialmente grave que Culleredo aparecese entre os cinco únicos concellos galegos que Facenda obrigaba inicialmente a acollerse ao mecanismo extraordinario de financiamento estatal para o pago a provedores. Segundo transcendeu, o goberno local realizou pagos a última hora para evitar finalmente ese procedemento, o que para o PP evidencia “unha forma de xestionar sempre ao límite, cos prazos encima e cando os problemas xa son insostibles”. “O importante non é como saímos desa situación, senón como chegamos ata ela. Como pode un Concello acumular 3,6 millóns de euros pendentes de pago e tardar catro meses en abonar as súas facturas?”, pregunta a portavoz popular, Izaskun García.

García lembra que detrás deses números “hai autónomos, pequenas empresas e negocios que teñen que pagar nóminas, impostos, alugueiros e aos seus propios provedores todos os meses”. “A eles ninguén lles permite atrasarse 121 días. Por iso os autónomos e as pequenas empresas non poden seguir financiando ao Concello de Culleredo”, afirma.

Para o PP, esta situación non é puntual, senón estrutural, consecuencia directa da deterioración organizativa que sofre o Concello desde hai anos e que afecta xa ao seu funcionamento ordinario. Neste sentido, García insiste en que o problema non é económico. “Culleredo ten recursos suficientes. O que falta é capacidade de xestión. As actuacións impulsadas polo goberno local non están a funcionar nin son suficientes”, sinala.

Así, lembra que o goberno local segue sen presentar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) que permita ordenar e reforzar adecuadamente a estrutura municipal. “Levan anos anunciándoa e seguen sen presentala ao pleno porque tampouco son capaces de acordar nin cos representantes dos traballadores. Mentres tanto, os problemas agrávanse e os servizos municipais continúan funcionando con enormes dificultades”, engade.

Para os populares, os datos do atraso no pago a provedores volven desmontar o relato de normalidade que intenta trasladar o goberno local. “Primeiro foron os informes do secretario municipal alertando dunha situación insostible por falta de persoal. Despois as advertencias de Intervención sobre a escaseza de medios. Agora coñecemos que tamén se paga catro veces máis tarde do que marca a lei. Non o di o PP, son datos oficiais”, explica García.

O PP solicitará información detallada sobre a evolución dos pagos, a situación actual das facturas pendentes e as medidas adoptadas polo goberno local.

Deja un comentario