A iniciativa, que se desenvolveu entre o 13 de abril e o 14 de maio, ten como obxectivo promover, potenciar e difundir a actividade teatral feita por escolares entre o alumnado dos centros educativos
O Fórum Metropolitano acolleu hoxe a gran gala final onde se repartiron os premios nas categorías de Educación Infantil, Primaria e Secundaria
Hoxe, no Fórum Metropolitano, realizouse a Gala de entrega de premios da XXXV Mostra de Teatro Escolar, na que os grupos gañadores das tres categorías representaron as súas obras e recibiron os seus premios, que foron entregados pola directora da Área de Educación, Eva Blanco Sánchez; tamén se entregaron 4 mencións especiais. A gala foi presentada por Mariña Pena Blanco.
O proxecto desenvolveuse do 13 de abril ao 14 de maio de 2026 en 12 centros educativos da cidade, coa participación de 14 grupos de 12 centros, con 278 alumnos e alumnas de EI, EP, ESO e bacharelato e 32 docentes, monitores e acompañantes. E realizáronse un total de 28 representacións: 14 noutro centro de intercambio e outras tantas no propio centro.
Esta iniciativa forma parte do plan de dinamización educativo e cultural para a xuventude seguido polo Goberno de Inés Rey. “O teatro é a vida sobre táboas. Achegar a arte dramática aos rapaces e ás rapazas e moi importante porque, a través dela, apréndense valores e desenvólvense ferramentas de comunicación que lles axudarán moito aos e ás participantes no futuro”, apuntou o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Igancio Borrego.
O xurado estivo formado por Ana Judel Prieto, técnica de Educación do Concello, que foi docente de grupos de teatro escolar, directora do Fórum Metropolitano e programadora de teatro infantil e xuvenil (como presidenta do xurado); Ramiro Neira Cortés, actor e narrador de tradición oral, director e produtor de diversos proxectos teatrais en Galicia, docente de grupos de teatro escolar e amador; Xosé Leis Martínez, graduado en Pedagoxía Teatral e Máster en Estudos Teatrais e Audiovisuais da UDC, actor de teatro e audiovisual, director e programador de festivais teatrais, docente de grupos de teatro escolar e Alfonso Queijo Rodríguez, técnico de Educación do SME do Concello, que actuou como secretario.
O xurado, baseándose nos criterios de valoración reflexados nas bases do programa (orixinalidade ou adaptación do texto; orixinalidade do vestiario e maquillaxe; orixinalidade da escenografía e a iluminación; corrección e fluidez lingüística; e dramatización e coordinación do grupo), resolveu outorgar os premios a:
Educación infantil
– “What the ladybird heard” (CPR Obradoiro)
– “Isabel e o barco da saúde” (EIM Luis Seoane)
Educación primaria
– “Tortura disfrazada de excursión” (CEIP Cidade Vella)
Educación secundaria
– “Memorias dun esquelete” (IES Monte das Moas)
Para cada unha das categorías do concurso estableceuse como premio un cheque por valor de 100 € para cada un dos grupos gañadores. Como na categoría Infantil se outorgou o premio “ex aequo” a dous grupos, o premio foi dun cheque de 50 € para cada grupo gañador.
Ademais, o xurado resolveu outorgarlles mencións especiais ás seguintes obras:
– Mellor escenografía: “Isabel e o barco da saúde” (EIM Luis Seoane)
– Mellor vestiario: “Alicia en el País de las Maravillas” (CEIP Wenceslao Fernández Flórez)
– Mellor obra de creación colectiva: “La boda que salió rana” (CPR Fogar de Santa Margarida)
– Mellor adaptación: “Tres pelos de oro de la cabeza del diablo” (CPR Franciscanos)
O xurado destacou o gran nivel das obras representadas, tanto das adaptacións coma as de creación colectiva, e dos grupos escolares, pola súa calidade interpretativa e súa capacidade de improvisación, e resultou moi complicada a selección dos premiados. Tamén felicitou a todos os grupos participantes polo seu esforzo e dedicación ao teatro, especialmente aos/ás docentes que os dirixen, e animáronos a participar na próxima edición da Mostra de Teatro Escolar do Concello.
A Mostra de Teatro Escolar ten como obxectivo promover, potenciar e difundir a actividade teatral feita por escolares entre o alumnado dos centros educativos do Concello, mediante representacións teatrais en diferentes escenarios, e fomentar a convivencia entre os grupos participantes.
Este programa educativo está concibido como un intercambio de representacións entre os grupos de teatro escolar. Cada grupo crea ou selecciona e ensaia unha obra de teatro, para representala noutro centro educativo e recibe o grupo de teatro do devandito centro.
O Concello puxo á disposición dos grupos un servizo de transporte gratuíto e cada grupo recibiu unha axuda económica de ata 300 € para gastos xerados pola propia actividade teatral e de convivencia entre os grupos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.