· A cita solidaria e deportiva celebrarase o vindeiro 20 de xuño de 2026, partindo ás 16:30 horas dende a Praza da Igrexa de Xaviña.
· A inscrición ten un custo de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para menores de 12 anos, con opción de adquirir un “Dorsal Solidario” a través da web.
O Concello de Camariñas, en estreita colaboración coa Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na Coruña, vén de presentar a andaina solidaria “Camariñas en marcha contra o cancro”. Baixo o lema “O cancro de mama tómamolo a peito”, este evento de concienciación e recadación de fondos celebrarase o vindeiro sábado, 20 de xuño de 2026.
A xornada ten como eixos centrais o apoio aos pacientes, a esperanza e o fomento da investigación médica contra a enfermidade. A saída está programada para as 16:30 horas dende a Praza da Igrexa de Xaviña. O trazado levará aos participantes por diversos lugares, rematando en Tasaraño.
O prezo para participar nesta iniciativa solidaria é de 5 euros para o público adulto e de 3 euros para os nenos e nenas de ata 12 anos. Aquelas persoas que non poidan asistir de xeito presencial pero desexen colaborar coa causa, teñen á súa disposición un “Dorsal Solidario” que se pode adquirir na páxina web do evento.
As inscricións xa se atopan abertas e pódense tramitar de xeito online a través da web oficial da AECC (https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/camarinas-en-marcha-contra-o-cancro-2026) ou escaneando o código QR dispoñible nos carteis informativos. Ademais, a organización habilitou unha ampla rede de puntos de inscrición presencial en todas as parroquias do municipio.
Para calquera dúbida ou información adicional, a organización pon á disposición da veciñanza os seguintes teléfonos de contacto: 675 61 71 82 (Pilar), 687 72 04 70 (Diana), 653 18 80 09 (Eva), 662 01 53 32 (Teresa) e 646 95 00 14 (Carmen Maria).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.