Sunday 14 de June de 2026

O Concello de Laxe inicia as obras de mellora do Aprazadoiro, unha actuación prioritaria para a veciñanza


Os traballos xa en marcha permitirán mellorar un primeiro tramo da vía e deixar preparada a futura ampliación da rede de saneamento

O Concello de Laxe xa iniciou as obras de mellora do firme e instalación de tubaxes para o futuro saneamento na zona do Aprazadoiro, unha actuación que o goberno municipal considera prioritaria debido ao estado de deterioro que presenta esta vía e á necesidade de continuar mellorando os servizos básicos nesta contorna.

A actuación que se está executando nesta primeira fase permitirá mellorar un tramo da vía e deixar instalada a infraestrutura necesaria para facilitar futuras conexións á rede de saneamento, aproveitando os traballos actuais para optimizar recursos e evitar novas intervencións no futuro.

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, destacou que “somos conscientes das necesidades existentes nesta zona e por iso decidimos destinar os fondos dispoñibles a iniciar esta actuación, que era moi necesaria e demandada pola veciñanza. O noso obxectivo é continuar avanzando nos próximos anos ata completar a mellora desta infraestrutura”.

A obra execútase con cargo aos fondos do Plan de Obras e Servizos (POS), que permiten ao Concello decidir e priorizar aqueles investimentos que considera máis necesarios para o municipio.

Desde o goberno municipal subliñan que esta actuación constitúe un primeiro paso dentro dun proxecto máis amplo de mellora da contorna, reafirmando o compromiso de continuar traballando para completar progresivamente a renovación desta vía e seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Laxe.

Deja un comentario