Friday 22 de November de 2024

A XX Festa da Troita de Oroso desafía ao mal tempo e reparte máis de 3.500 quilos de troita


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou no seu pregón que “Oroso se identifique cunha especie tan perseverante como a troita, o que demostra que son xente con afán de superación”

A XX Festa da Troita de Oroso foi quen de enfrontarse ás adversas condicións meteorolóxicas desta fin de semana e repartiu máis de 3.500 quilos de troita entre os milleiros de persoas que se achegaron esta mañá polo municipio. Unhas adversidades que mesmo obrigaron a aprazar o Festival Oroso en Vivo previsto para a noite do sábado. O Concello de Oroso tomou esta decisión logo de comprobar que non se daban as condicións mínimas de seguridade para a actuación das orquestras Metrópolis e Los Satélites, que actuarán en Sigüeiro nunha data aínda por fixar.

A pesar dunha chuvia case constante e, por momentos, con fortes refachos de vento, milleiros de persoas non quixeron faltar á súa cita coas troitas e ateigaron tanto a degustación gratuíta organizada polo Concello de Oroso na Alameda de Góis como os 39 bares e restaurantes que mercaron entre 80 e 90 quilos deste peixe para agasallarllo hoxe aos seus clientes con cada consumición. O mal tempo non colleu de sorpresa aos hostaleiros, que xa tiñan preparados cubre-terrazas para afrontar con garantías un día coma o de hoxe.

Perseveranza

Unha perseveranza á que fixo referencia o pregoeiro desta XX Festa da Troita: Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña. Formoso destacou que “as troitas son animais moi perserverantes. Que Oroso se identifique con esta especie quere dicir que son xente traballadora, que saben sobrepoñerse aos malos momentos e que demostran un afán de superación que fai que hoxe en día sexan un concello de referencia”. González Formoso asegurou que “Oroso representa o espírito da provincia da Coruña, como motor económico de Galicia” e salientou que “conseguiu ser un deses lugares nos que a xente quere ir a vivir, porque medra en todos os sentidos”.

Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, mantivo a súa tradición de non dar discursos na Festa da Troita, aínda que lembrou que “vinte anos é un tempo considerable para unha festa á que, a primeira vez que a organizamos, lle auguraban poucos anos de vida. Pero podo dicir que a Festa da Troita vai durar para sempre porque Oroso é un pobo que ten tradición de troita”.

Campionato de pesca

Valentín González e Manuel Mirás encabezaron a comitiva de autoridades encargadas de entregar os premios do XX Campionato de Pesca de Oroso, celebrado durante a xornada do sábado no río Tambre baixo a modalidade de pesca sen morte, e do Campionato de Pesca Infantil, que tivo lugar esta mañá no río Carboeiro. A comitiva oficial estivo integrada polo presidente da FEGAMP, Alfredo García; o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, que comparte con Oroso a celebración dunha festa coa troita como protagonista; a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María Lurdes Oliveira; o alcalde de Brión e deputado provincial José Luís García, Manuel Mirás; e o concelleiro de Cultura e Coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde.

O gañador do XX Campionato de Pesca foi Yago Mazás Saavedra-García, que revalidou o triunfo do ano pasado; seguido un ano máis por José Rabuñal Camiña. O terceiro posto foi para o tracense Antonio Andrade Sánchez, seguido por José María Blanco Otero e Roberto Espiñeira García.

Na categoría infantil, o triunfo foi para Pablo Martínez Carnota, seguido por Álex Espiñeira Faura, gañador en 2015. Completou o pódio José Ángel Bruzos Roca, seguido de Pablo Fernández Lojo, Abel Vidal Mansilla, Martina Mazás Berdomás, Lola Fernández Lojo, Jesús Mata Maroño, Santiago Blanco Ruper, Marcos Iglesias Vicente, Rodrigo Mallo Guerra, Gabriel Moruja Echeberry, José Manuel González Mejuto, María González Mejuto e Bruno Gómez Jiménez. Todos eles recibiron cadanseu trofeo acreditativo así como un agasallo cortesía do establecemento local Caza e Pesca Nogareda.