• O concelleiro non adscrito reclama que se licite a obra sen máis demoras “para avanzar na atención doutras necesidades das instalacións deportivas de Santiago que son moitas”
• Muíños e Castro mantiveron un encontro co presidente da SD Villestro
As concelleiras Non Adscritas denunciaron este venres a falta de avances na renovación do céspede artificial do campo de fútbol Suso Conde, en Villestro. Unha actuación, lembran, comprometida polo Goberno local e incluída no acordo de orzamentos do 2024 e 2025.
Tras manter un encontro co presidente da SD Villestro, Marcos Conde, Gonzalo Muíños e Mila Castro puideron comprobar que continúa sen existir un calendario definido para a execución dunha obra que consideran prioritaria e necesaria. “Segue sen haber unha planificación clara para unha actuación que xa debería estar en marcha ou rematada”, sinalou Muíños.
O edil non adscrito advertiu de que o estado actual do terreo de xogo é xa “insostible”, con amplas zonas nas que o céspede practicamente desapareceu e outras nas que os usuarios están xogando directamente sobre o caucho da superficie. Neste sentido, lembrou que se trata dunha instalación utilizada cada semana por centos de nenos e nenas, polo que a situación afecta non só á calidade do equipamento deportivo, senón tamén á seguridade dos seus usuarios.
Muíños asegurou ser consciente das múltiples necesidades e proxectos pendentes que teñen os clubs deportivos da cidade, pero considera especialmente preocupante que o Goberno municipal non sexa capaz de executar actuacións que xa están acordadas, financiadas e planificadas. “É moi difícil avanzar na resolución de novas demandas cando nin sequera se compren os compromisos adquiridos hai dous anos”, afirmou.
O concelleiro tamén criticou a estratexia comunicativa do Executivo local en materia deportiva. Segundo indicou, mentres a alcaldesa “intenta presumir” doutras actuacións como a reforma do complexo deportivo de Santa Isabel, esa intervención corresponde a un proxecto impulsado no mandato anterior, con financiamento xa conseguido e cun importante traballo técnico realizado previamente.
Pola contra, sinala que a renovación do céspede do campo Suso Conde é unha actuación moito máis sinxela, de menor dimensión económica e que depende exclusivamente da capacidade de xestión do actual Goberno local.
Por todo iso, Gonzalo Muíños reclamou ao Concello que cumpra os compromisos adquiridos, proceda á licitación inmediata da obra e facilite un calendario concreto tanto ao club como ás familias que utilizan estas instalacións deportivas. “O que pedimos non é un anuncio nin unha foto, senón algo tan básico como cumprir coa palabra dada, licitar a obra e ofrecer un calendario claro ao club e ás familias que utilizan estas instalacións cada semana”, concluíu.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.