Sunday 14 de June de 2026

O pleno do Concello de Curtis aproba a memoria técnica de seguridade para a celebración de festas e verbenas populares de Teixeiro


● Isto supón un novo avance para que as festas conten con plans de seguridade plenamente actualizados e adaptados á normativa vixente

● Nos próximos días presentarase outro para as festas de Curtis

O pleno do Concello de Curtis aprobou na sesión plenaria de xuño a memoria técnica de seguridade para a celebración das festas e verbenas populares na contorna da Praza de España, un documento no que se establecen as medidas de prevención, organización e actuación que deberán cumprir todos os participantes nos festexos, incluíndo orquestras, feirantes e postos de alimentación.

A aprobación desta memoria supón un novo avance no traballo que está a desenvolver o Concello para que as festas locais de Teixeiro conte cun plan de seguridade plenamente actualizado e adaptado á normativa vixente. O documento regula aspectos fundamentais como a distribución dos espazos festivos, os plans de tráfico, as medidas de autoprotección e os protocolos de actuación ante posibles emerxencias.

O obxectivo deste plan, que saíu adiante con 8 votos a favor do PP e 3 abstencións do BNG, é garantir a seguridade de todos os nenos e nenas e que poidan gozar das celebracións con todas as garantías.

Durante a sesión plenaria tamén saíu adiante por unanimidade o expediente de modificación de crédito extraordinario vinculado ao convenio subscrito co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a adquisición de dous inmobles en Teixeiro mediante o Fondo de Cooperación.

Con estas adquisicións, que supoñen un investimento de 330.000 euros, o Concello continúa coa súa liña de recuperación de inmobles de interese para evitar a súa degradación e destinalos a novos usos sociais, culturais e formativos. Ademais, coa compra destas propiedades búscase resolver a necesidade de contar con máis espazos propios para destinalos a distintos servizos municipais: sociais, culturais, xuvenís na capital do municipio, en Teixeiro.

O Pleno aprobou por unanimidade, ademais, un suplemento de crédito por importe de 610.297 euros destinado á amortización dos préstamos concedidos polo IGVS nos exercicios 2022 e 2023. En 2026 o remanente de tesourería para gastos xerais é de 2.039.603 euros, polo que aínda facéndose fronte a esta obriga o restante segue sendo de 1.297.555 €. Nesta liña, durante a sesión coincidiuse en destacar “a boa saúde económica do Concello”.

Así mesmo, deuse luz verde por unanimidade á rectificación do Inventario Municipal de Bens e Dereitos, co obxectivo de incorporar as altas e baixas producidas desde a última actualización e dispoñer dunha relación fiel e actualizada do patrimonio municipal.

Por último, o Pleno aprobou tamén por unanimidade a desafectación parcial dun camiño público no lugar dos Campos. A medida responde á situación dunha vía actualmente en desuso, empregado unicamente de forma puntual polos propietarios das parcelas lindeiras, que ademais dispoñen de acceso por outras dúas vías públicas.

Deja un comentario