Thursday 11 de June de 2026

O Día do Deporte na Rúa reunirá a preto de 90 clubs, permitindo á cidadanía gozar de máis de 60 modalidades deportivas


Este ano amplíase o horario, de 10.00 a 14.00 horas, e incorpóranse as actividades do Día do Xogo, pensadas para nenos e nenas de 2 e 3 anos, na praza de Portugal

A Cidade Deportiva de Riazor e as praias de Riazor e Orzán converteranse este domingo 14 de xuño no grande escaparate do deporte coruñés coa celebración do XXXIX Día do Deporte na Rúa, unha das citas máis consolidades e queridas do calendario deportivo da cidade. Trátase dunha xornada que serve como peche das actividades das Escolas Deportivas Municipais e das entidades deportivas durante o curso 2025-2026 e permitirá á cidadanía coñecer, probar e gozar de máis de 60 modalidades deportivas diferentes da man de preto de 90 clubs, federacións e entidades deportivas da Coruña.
“O deporte coruñés ten unha base sólida e este é un día moi especial, no que a cidadanía poderá comprobar a ampla variedade de modalidades que temos e animarse a practicalas”, indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña. As actividades desenvolveranse entre as 10.00 e as 14.00 horas na contorna da Cidade Deportiva de Riazor, ampliando ademais unha hora o horario habitual para responder á demanda das persoas participantes. Os deportes náuticos terán o seu espazo nas praias de Riazor e Orzán, mentres que o resto de modalidades ocuparán as distintas zonas da contorna deportiva da cidade.

Este ano incorpóranse á programación as actividades previstas polo Día do Xogo, que se celebrarán na praza de Portugal. Esta iniciativa pretende poñer en valor a estreita relación existente entre o xogo e o deporte. Por primeira vez habilitarase un espazo específico para nenas e nenos de 2 e 3 anos na Praza de Portugal. Será unha zona pensada para que os máis pequenos poidan participar xunto coas súas familias en actividades adaptadas á súa idade. Neste espazo haberá un circuíto de psicomotricidade, xogos de construción, unha estación de pintura, mesas de area, ademais dunha mesa de tatuaxes infantís e reparto de globos. “Queremos que o Día do Deporte na Rúa sexa tamén unha festa para as familias e unha oportunidade para introducir os máis pequenos nos valores da actividade física desde as primeiras etapas da vida”, indicou Inés Rey. Ademais, o Palacio dos Deportes contará este ano cunha estancia de lactancia e cambiadores.

A programación comezará incluso antes das actividades centrais. Ás 09.30 horas terá lugar a saída do club Oysho Running desde a explanada das Esclavas, que farán un quecemento e correrán 5 quilómetros. Posteriormente, no mesmo espazo, celebrarase o Día Internacional do Ioga a partir das 10.30 horas, unha disciplina que cada vez conta con máis seguidores e que representa perfectamente a importancia de coidar tanto o corpo como a mente.

Ao longo da mañá poderanse practicar deportes tan diversos como atletismo, baloncesto, bádminton, boxeo, escalada, ximnasia, marcha nórdica, xadrez e moitos outros. Tamén haberá protagonismo para os deportes náuticos como a vela, o piragüismo, o surf, o paddle surf ou o waterpolo.
“O deporte axuda a construír hábitos saudables, fomenta valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación, e contribúe a facer unha cidade máis activa e máis inclusiva”, dixo Inés Rey. A participación será totalmente gratuíta e non será necesaria inscrición previa.

Ademais, repartiranse 2.500 camisetas entre as primeiras persoas participantes e realizarase un sorteo de material deportivo cedido polas entidades colaboradoras entre todas aquelas persoas que completen a súa tarxeta de participación.

Deja un comentario