Os festexos en ambos barrios, apoiados polo Concello, inclúen actividades para todos os públicos e actuacións musicais gratuítas
O venres tamén terá lugar na praza da Tolerancia o festival de música tradicional galega Aquí tamén se fala
Os barrios de Palavea e Labañou estarán de celebración esta fin de semana. O sábado, 13 de xuño, a praza da Tolerancia acollerá a Festa dosPorcos, nunha xornada na que reinará o tradicional arroz con porco e que terá un amplo cartel musical aberto á veciñanza que inclúe grupos como Omiri, A banda da Balbina, Los Jinetes del Trópico, Adhara & Ritman e La Yaya DJ.
“Os barrios desta cidade teñen unha vida vibrante e unha xente que sabe encher as rúas de alegría. O Goberno de Inés Rey defende a grande importancia cultural das celebracións populares, que axudan a facer identidade e comunidade, por iso poñemos os medios económicos e o apoio necesario para 26 festas populares para este 2026. Iso é falar con feitos”, apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Completarán o programa lúdico as actuacións de combos de música moderna do CMUS Profesional da Coruña, a rutina circense de Paty Diphusa, a proposta tradicional de Donaire e das pandeiretas da Asociación de Veciños de Labañou, a dinamización da Lilicleta e a organización de varios xogos tradicionais para o desfrute das e dos máis pequenos.
Ademais, o pregón terá unha temática moi especial. Será unha celebración do 50 aniversario da Asociación Veciñal do barrio. A Festa do Porco foi recuperada pola veciñanza no ano 2019, recollendo o legado da tradicional romaría popular. A comida terá prezos populares e espera acoller a centos de persoas.
Así mesmo, Palavea celebra as festas de Santo Antonio e Santa Cristina a partir do sábado ás 13.00 h, momento no que comezará a sesión vermú co grupo Los Kibbis. Ás 16.00 horas será a actuación do Grupo de Musicoterapia de Palavea. Ás 17.00 h, a presentación dun libro de fotografía sobre o barrio, de José Carlos Alonso, no centro cívico. E, á mesma hora, a actuación de Kamándula. Ás 18.00 h, unha actividade de iniciación á esgrima coa entidade deportiva 100 Tolos. Á mesma hora, subirá ao escenario a Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán. A partir das 20.00 h, tocarán xuntos os artistas Camino Karachi, Gitano Antón e Maxi Jeremies, seguidos por Los Platinos, ás 21.30 h. Pechará a primeira xornada DJ Takesound ás 00.00 h.
O programa do domingo comezará aínda máis cedo, ás 10.00 h, coa alborada a cargo da Asociación Cultural Folclórica Folerpas. Ás 12.00 h, será a misa na capela de Santo Eduardo e a tradicional procesión. Ás 14.00 h, sesión vermú con Yeisimusic, e despois de comer, ás 17.00 h, abrirá a Área Infantil de Xogos Variados para os nenos e nenas. Ás 18.00 h actuará A Trova Coruñesa, ás 20.00 h o Grupo 13B e, ás 21.00 h haberá unha queimada. O grupo Caramba chegará ás 21.30 h e, como colofón final, os ritmos de DJ Marcos Magán, ás 00.00 h.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.