O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou hoxe no pleno de que A Coruña é dos concellos que antes paga aos seus proveedores en Galicia, en pouco máis de 21 días
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, informou hoxe no pleno municipal de que o Concello non precisará efectuar medidas de axuste para executar o seu plan de investimentos, xa que o Concello cumpre coa normativa estatal vixente en materia económica.
O informe municipal que exime ao Concello da aplicación de calquera axuste baséase nas pautas do Real Decreto Lei 13/2026, e valora aspectos clave como o feito de que o Concello cumpre con toda a normativa económica estatal e que no que vai de ano, é un dos municipios da Galicia que antes paga aos seus proveedores, pouco máis de 21 días.
Así o destacou Lage Tuñas analizando os datos da liquidación das contas do ano pasado: “Celebramos ter un ano excepcional en investimento público, o segundo mellor ano en cifras absolutas en execución de investimento, con máis de 48 millóns investidos, e celebramos tamén contar cun Concello saneado e eficiente”.
Neste sentido, o edil lembrou que o Goberno de Inés Rey xa executou o licitou nos últimos meses un importe de 76 millóns de euros correspondente ao Plan de Barrios 2025-27, unha iniciativa de continuidade concibida para dar resposta ás necesidades e melloras existentes nos dez distritos da cidade.
7,5 millóns en melloras nos equipamentos deportivos e culturais
No pleno desta mañá, Lage fixo especial fincapé na “boa saúde financiera” do Concello, que permitiu que nos dous últimos anos se completasen ou iniciasen os trámites para investir 7,5 millóns de euros só en equipamentos culturais e deportivos da cidade.
Entre as actuacións executadas, melloras na Cidade Deportiva da Torre ou o campo da Leyma, a construción das novas pistas multideporte habilitadas en barrios como Os Rosales e núcleos residenciais como A Silva e a Urbanización Breogán e actuacións nas infraestruturas do Palacio dos Deportes. Ademais, estase a avanzar con vistas a rehabilitación de espazos en desuso como a finca dos Mariño e a superficie que acollerá a pista de deportes de praia en San Pedro de Visma.
No eido cultural, no último bienio executouse a ampliación da biblioteca da Sagrada Familia e melloráronse as instalacións das bibliotecas dos Rosales e o Castrillón. E, ademais, están en marcha as obras que dotarán ao Castro de Elviña dun novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e un novo peche perimetral. Coa renovación da cuberta do Teatro Rosalía tamén en marcha, en paralelo estase a avanzar coa licitación das obras de construción da nova biblioteca e aula TIC de Palavea.
Declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI
Noutra orde de asuntos, a Corporación municipal da Coruña en pleno manifestou hoxe a súa adhesión á Declaración institucional promovida pola FEMP con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se conmemorará o día 28 de xuño.
O manifesto, tal e como se expuxo hoxe no Salón de Sesións, recalca que, a pesar dos avances logrados en España, aínda persisten situacións de desigualdade e violencia que cómpre abordar desde o respecto ao marco constitucional e aos principios de igualdade e liberdade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.