Pouco máis de 37 minutos foron suficientes para resolver os sete auntos incluídos na orde do día do pleno ordinario do mes de maio. Boa parte deles eran cuestións de trámite que, a priori, facían prever unha sesión de baixa intensidade dialéctica. Algo que se confimaría coa propia duración do encontro, que gastou a maior parte do tempo en debater a moción sobre o “catastrazo” presentada polo PP que, finalmente, se aprobaría por unanimidade tras unha enmenda á totalidade do seu contido introducida polo BNG. A enmenda nacionalista solicita que San Sadurniño non entre no proceso de regularización catastral emprendido polo Estado.
Porén, antes de chegar a este asunto -que capitalizou máis dun terzo do pleno- a corporación tratou outras cuestións que non mereceron excesivo debate e que se ben non obtiveron o apoio unánime dos tres grupos, tampouco tiveron votos en contra. BNG, PP e PSOE coincidiron no caso da incorporación ao orzamento municipal dos 28.000 euros procedentes do plan de emprego provincial. Un programa destinado a municipios dotado con 3 millóns de euros para levar adiante obras e servizos contratando persoas en risco de exclusión laboral. O portavoz do grupo de goberno, Suso Soto, explicou que a contía que lle corresponde a San Sadurniño responde a criterios de poboación e aos índices de paro existentes no municipio con respecto ao número de habitantes.
A seguinte cuestión en ser abordada pola corporación foi tamén unha modificación do orzamento para aumentar o apartado de gasto. Un tema que obedeceu primordialmente a dúas necesidades concretas: a primeira, reflectir o incremento da xornada laboral da responsable da Aula CeMIT trala sinatura dun convenio con Moeche para que imparta 7,5 horas de formación semanais nese concello; e a segunda, incorporar un convenio de 1.300 euros coa asociación agroecolóxica A Cortiña logo de que quedase fóra das subvencións de 2015 “por un erro humano” da propia asociación, tal e como se expresou no pleno. O debate centrouse no asunto do convenio con Moeche.
O portavoz do goberno explicou que o acordo permitirá converter en completa a xornada parcial da alfabetizadora dixital e que o sobrecuste -413 euros mensuais- será asumido integramente polo Concello de Moeche. O representante do PSOE, Eduardo Lourido, manifestou o seu apoio á modificación por tratarse dunha proposta orientada a compartir servizos e polo feito de consolidar unha xornada laboral completa para a traballadora. Pola súa parte, o PP afirmou estar de acordo coa colaboración intermunicipal, pero anunciou a súa abstención en base ao informe negativo da Secretaría-Intervención municipal que apuntaría a un posible incumprimento da regra de gasto municipal. O alcalde interviu para sinalar que a asesoría externa do Concello informou favorablemente sobre a cuestión e que, ademais, non habería tal incremento de gastos para San Sadurniño habida conta de que, tal e como xa adiantara o portavoz nacionalista, será Moeche quen asuma os custes salariais.
Moción sobre o “catastrazo”
O Partido Popular presentou xa antes da convocatoria do pleno unha moción relativa ao procedemento de regularización catastral 2013-2016 emprendido polo Ministerio de Facenda. Unha medida coñecida comunmente como o catastrazo que non só está incorporando de oficio os inmobles non declarados, senón que tamén “e pola porta de atrás”, en palabras do portavoz nacionalista, incluiu unha modificación normativa para meter tamén as construcións agrícolas e gandeiras en chan rústico. Ademais, o plan do goberno estatal tamén contempla o cobro dunha taxa de 60 euros por facer o traballo de revisión.
A moción do PP faise eco do acordo adoptado en solitario no Parlamento galego por esta formación política despois de tumbar as propostas de PSOE, AGE e BNG para tentar frear a aplicación do catastrazo en Galicia. A moción lida por Manuel Romero vai no sentido de solicitar unha moratoria de aplicación mentres non se valoren “suficientemente” as peculiariedades dos concellos galegos así como pedir exencións “o máis amplas posibles” para as explotacións agrarias e gandeiras, así como a devolución da taxa cobrada polas regularizacións que xa se levan feitas e que, de momento, non lle afectan a San Sadurniño.
Tras escoitar a proposta popular, o portavoz do BNG explicou en que consiste este proceso “lanzado desde o Estado no 2013 para que os concellos recaden máis por catastro” que, ao incorporar tamén as explotacións agrarias que antes non tributaban, “toca a liña de flotación dun dos sectores que peor o está pasando”. O BNG cualificou a moción como “un engano” e propuxo unha enmenda á totalidade cun único punto no que se establece que o Concello de San Sadurniño non entre na regularización catastral. Un estremo que xa se lle trasladara á Xerencia rexional do Catastro hai algunhas semanas fundamentado en que no municipio xa se fixo unha regularización en 2013 e no feito de que os cambios na cualificación do chan motivados polo PXOM non aconsellarían facer esa regularización neste momento. Ademais, Soto explicou que tan pronto estea aprobado o planeamento se faría un proceso de revisión completo que, tal e como adiantou “incluso permitiría rebaixar os tipos que se aplican no IBI, sobre todo o que ten que ver co rústico”.
O portavoz do PSOE, Eduardo Lourido -que xa se pronunciara ao respecto do catastrazo nun pleno anterior- sumouse á enmenda do BNG por considerala “acertada” e ironizou sobre o feito de que o PP trouxese ao pleno o asunto despois de que este partido “tumbase completamente” as propostas do PSOE, AGE e o Bloque no Parlamento galego. O edil cualificou, ademais, como “o máis conveniente e máis lóxico” non entrar neste momento no proceso de regularización emprendido polo Estado, tendo en conta que San Sadurniño está tramitando o seu planeamento.
A moción do PP cambiou por completo o seu contido coa achega da enmenda nacionalista, avalada á súa vez polo PSOE e, á hora de votar, tamén polo propio Partido Popular.
Antes de encarar a súa parte final, o pleno tratou a declaración institucional co gallo do 17 de maio, Día das Letras Galegas. O documento presentado polo goberno local establece varias demandas relacionadas coa defensa da lingua na liña de que a Xunta lle dea cumprimento á Carta europea das linguas rexionais e minorizadas despois de que o propio Consello de Europa expresase a súa preocupación pola “redución gradual” do uso do galego no ensino ao abeiro do decreto do plurilingüismo do 2010.
A declaración insta ao goberno galego a que faga efectiva a Carta e as recomendacións do Consello de Ministros e do Consello de Europa, que se elabore un novo decreto do galego consensuado e que, namentras, se derroguen os artigos “que poñen límites ao uso do galego nas aulas”, entre eles os referidos “á prohibición de impartir na nosa lingua as materias cientifico-técnicas ou matemáticas”.
O portavoz do PP manifestou non estar “completamente de acordo” en algúns puntos da declaración e asegurou que o galego “cada vez se fala máis”. Manuel Romero engadiu sobre o seu contido que “canto máis se obriga (a falar en galego), peor é”. O voceiro do grupo de goberno, Suso Soto, precisou que a declaración “non é unha cuestión de percepcións” senón de “datos estatísticos reais” que indicarían un “declive incesante” do galego en canto ao número de falantes, especialmente no ensino. Algo que, en palabras do alcalde, “pode constatarse no colexio de San Sadurniño”.
Malia a diferenza de pareceres entre BNG e PP -o PSOE non interviu no debate- a declaración aprobouse por unanimidade dos tres grupos.
O penúltimo asunto plenario foi a toma de razón da renuncia do concelleiro do PP Andrés Fernández Graña. Unha renuncia “por razóns persoais” á que se lle deu recoñecemento oficial en ausencia do interesado, a quen Secundino García lle agradeceu “o seu traballo a prol do concello de San Sadurniño” e a quen lle desexou “todo o mellor na súa vida particular”. Agora comunicaráselle á Xunta Electoral a renuncia para que esta faga o chamamento á seguinte persoa da lista coa que o PP concorreu ás municipais de 2015. Segundo esa lista o posto ocuparao María Belén Trigo Meizoso.
Rogos e preguntas
A última parte do pleno centrouse no apartado de rogos e preguntas. Rogos non houbo ningún, pero si preguntas. Tres en concreto e todas formuladas polo PP.
A primeira inquiriu sobre as razóns de que un funcionario municipal estea traballando desde hai algún tempo nas oficinas da Deputación da Coruña e, por outra banda, sobre quen asumirá os custes de desprazamentos e dietas do traballador. Secundino García explicou que o empregado público está na Coruña facendo o traballo de peche da contabilidade de 2015 co asesoramento da Deputación e que a decisión de envialo alí responde a unha recomendación da Secretaría-Intervención municipal. A este respecto, o alcalde indicou que os gastos orixinados por esta situación os asumirá o Concello e que o traballador continuará na Coruña “durante o tempo necesario” ata que remate cos asentos contables do ano pasado.
A segunda cuestión plantexada polo portavoz do PP centrouse en saber as razóns de que se contratase “a un de fóra” para facer o prego do contrato do mantemento eléctrico. O alcalde respostou que nestes momentos “o Concello non conta cun enxeñeiro eléctrico en plantilla que teña coñecementos suficientes para facer un prego desas características” e de aí que fose necesario contratar a redacción dos pregos técnicos.
A terceira e última pregunta do PP arrancou cunha afirmación sobre a suposta perda dunha subvención por non solicitala en prazo. “Hai dous plenos votamos unha modificación de crédito pola cal o concello poñía 18.000 euros e o resto, 85.000 euro,s viñan de Europa para arranxar uns camiños. Sabemos que esa subvención se perdeu por presentala fóra de prazo. ¿De quen é a culpa? ¿Que pasou?”, preguntou Manuel Romero.
Secundino García tomou a palabra para retrucarlle ao edil popular que era “a primeira noticia” que tiña sobre a perda desa subvención. O alcalde mostrou a súa estrañeza ante a afirmación de Manuel Romero, máis que nada porque, segundo indicou o rexedor, “hai quince días estivo o técnico da Xunta co concelleiro de Obras facendo a acta previa ao inicio dos traballos…”, algo que carecería de sentido se a documentación non estivese en poder da Xunta. Con todo, Secundino García insistiu: “é a primeira noticia que teño de que non se entregara unha subvención en prazo”. “Non sei se ti tes constancia…”, dixo o alcalde dirixíndose a Manuel Romero, quen precisou que do que tiña “constancia” era de que a solicitude non figuraba no rexistro de saída do Concello. Sobre esa cuestión, Secundino García recomendoulle ao portavoz do PP a lectura da Lei que regula os procedementos administrativos “para que coñeza como se pode entregar a documentación nas administracións”.
O debate finalizou aí e tamén o pleno, xa que neste caso non houbo ningunha intervención por parte do público.